A Xunta amplía e diversifica os catálogos de lectura fácil promovendo a produción de 20 obras en galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudica a liña de axudas de carácter plurianual cun financiamento de máis de 88.000 euros

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia colabora con 20 proxectos editoriais para ampliar e diversificar os catálogos de obras de lectura fácil en galego. A través desta liña de axudas para libros en formato físico ou dixital, que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia, adxudicouse o financiamento para colaborar con 10 empresas editoriais diferentes.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove a produción de libros de lectura fácil para facer accesible a información a persoas con dificultades de comprensión lectora, tendo en conta o contido, a linguaxe, as ilustracións, a maquetación e o deseño gráfico. A través destes proxectos a Xunta espera incrementar a comercialización de obras e tamén ampliar a listaxe de creacións en lingua galega na plataforma pública de préstamo en liña GaliciaLe. Trátase así dunha iniciativa enmarcada nos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que ten por obxectivo garantir o acceso á cultura tanto desde a perspectiva do consumo como da creación literaria. Promovendo, deste xeito, as políticas de estímulo de produción de libros en galego en novos formatos.

A resolución desta segunda convocatoria inclúe a colaboración con 20 obras en formato físico ou dixital que contan cunha financiación total de máis de 88.000€ para as anualidades de 2024 e 2025, podendo acadar unha achega máxima de 6.000€ para cada creación.

Así, a Editorial Bululu impulsará as obras Coidado coa charca e Xa voou. A Editorial Galaxia, pola súa banda, contará con As malas mulleres, Meigas e O Misterio do Torque de Burela. A empresa editora Hércules de Ediciones traerá A saga das curandeiras, mentres que Horsori Editorial fará o mesmo con Ana, a das tellas verdes e A máquina do tempo. O instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural editará Contos de amor e a empresa Ivette Noguera García Edicións poderá sacar catro obras, Un ano arredor do gran roble, Unha bufanda de sol, O ovo do sol e Tomates de Mila.

Ademais, dentro desta adxudicación tamén se atopa Kalandraka Editora con Nicolas vai á biblioteca e Nicolás vai ao médico, mentres que Centro Lingoreta dará a coñecer Lingoreto e lingoreta. Respiración. A liña de axudas complétase con A filla do mar e O misterio do Camiño de Santiago de La Mar de Fácil e Técnicas & Gramaxe porán en marcha as obras Os Balbinos visitan os pazos de Galicia e A Lúa e a Bal gústalles a música.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024