Os concellos aspirantes á Bandeira Verde de Galicia soben un 80 % este ano ao rexistrarse 34 candidaturas

Este galardón creado polo Instituto de Estudos do Territorio pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural distinguindo aos concellos máis dinámicos neste eido

Todas as candidaturas están a ser avaliadas por un xurado técnico e os municipios galardoados coñeceranse no último trimestre do ano

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024

As Bandeiras Verdes de Galicia seguen consolidándose na súa quinta edición ao rexistrarse este ano un 79% máis de candidaturas que en 2023, cun total de 34 concellos aspirantes a recibir esta distinción.

 

Este recoñecemento -creado e xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET)- pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural distinguindo aos concellos máis dinámicos neste eido. Neste sentido, valóranse as boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono, a posta en valor dos monumentos naturais, a educación e sensibilización ambiental, a redución do consumo enerxético e iniciativas de dignificación do territorio.

 

A orde coas bases reguladoras para o outorgamento deste distintivo publicouse a mediados de marzo no Diario Oficial de Galicia e a súa concesión realizarase despois do verán tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración recollidos na orde. Os ámbitos de actuación nos que se encadran as accións incluídas nas candidaturas son a ordenación do territorio, a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e as accións de sensibilización e comunicación relacionadas cos puntos anteriores.

 

Con estes distintivos distínguense tres categorías de concellos e os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde son máis restritivos para aqueles concellos con maior complexidade urbana, con funcións que transcenden o ámbito municipal no sistema de asentamentos e con maiores recursos.

 

A este recoñecemento poden optar todos os concellos de Galicia e o seu outorgamento constituirá un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas en materia de residuos para construír e mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.

 

Todas as candidaturas están a ser avaliadas por un xurado técnico, que será o encargado de determinar os concellos galardoados que, posteriormente, recibirán as bandeiras nun acto público no último trimestre do ano. Desde ese momento os municipios poderán utilizar o distintivo ao longo dun ano.

Neste sentido, os concellos galardoados en 2023 foron 18: Burela, A Illa de Arousa, Oleiros, Porqueira, Sanxenxo, Alfoz, Cervo, Curtis, A Laracha, Moaña, Mondoñedo, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son, Ribeira e Sober.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024