A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta estuda vías para colaborar co concello das Neves na mellora do saneamento no lugar de Tortoreos

Tamén avaliaron o proxecto para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais na parroquia de Liñares

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia estudará vías para colaborar co Concello das Neves na mellora do saneamento no lugar de Tortoreos, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, José Manuel Alfonso, durante unha reunión que mantiveron recentemente.

 

Durante o encontro o rexedor informou á conselleira do proxecto para ampliar a execución da rede de saneamento na parroquia de Santiago de Tortoreos cun novo tramo entre o cruceiro e o lavadoiro de Silvares co obxectivo de dar servizo ás vivendas que non dispoñen de conexión á rede na actualidade.

 

Máis polo miúdo, explicou que a obra consistiría na instalación de tubaxes ao longo de preto de 350 metros, que se adaptarán ao trazado dos bordes das vías municipais existentes, e de pozos de rexistro prefabricados de 100 centímetros de diámetro e ata 2,5 metros de altura.

 

A maiores, na reunión Ángeles Vázquez e José Manuel Alfonso tamén avaliaron o proxecto para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais na parroquia de Liñares.

 

Cómpre indicar que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade a súa veciñanza.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024