Un acordo entre o CSHG e Meliá facilita o acceso aos estudos a candidatos vinculados á cadea hoteleira

O Centro Superior de Hostelería de Galicia pechou tamén colaboracións coas firmas Barceló, Iberostar e Vincci co mesmo obxectivo e están previstos novos convenios

Santiago de Compostela (A Coruña), 26 de xuño de 2024

O director do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Jose Paz Gestoso, e a vicepresidenta de Talent & Culture de Meliá Hotels International, Pilar García, asinaron recentemente en Mallorca un acordo de colaboración para facilitar o acceso ao grao en Xestión de Empresas Hostaleiras e ao Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería a persoas ligadas a esta firma. A cadea hoteleira aposta polo CSHG pola súa excelencia e profesionalidade na formación de directivos na industria turística.

 

Grazas a esta colaboración, Meliá pode seleccionar catro candidatos que recibirán o aloxamento gratuíto. Son dúas bolsas para o grao e outras dúas para o Curso de Chef. Os beneficiarios poden ser empregados, colaboradores e outras persoas vinculadas á firma con sede na capital de España e que conta cunha carteira de 400 hoteis en 40 países.  O prazo de duración do convenio de colaboración será desde o momento da firma ata a finalización dos estudos do candidato beneficiario.

 

Encontro con antiguos alumnos na central

O director e subdirector do CSHG, Jose Paz e Luis Rial respectivamente, mantiveron un encontro con algúns dos antigos alumnos da escola que traballan na central de Meliá. O centro fornece de directivos a maior cadea hoteleira española, ata o punto de que unha porcentaxe importante de traballadores teñen responsabilidade en establecementos da compañía. 

 

O CSHG traballa desde os seus inicios hai 30 anos con moitas das principais empresas hostaleiras nacionais e internacionais. De feito, as prácticas son unha porta de entrada para o alumnado no mercado laboral e unha oportunidade para as compañías de acadar o talento do CSHG.


Máis sinaturas con Vincci, Iberostar e Barceló

En datas anteriores, a dirección do CSHG xa asinou acordos con Vincci Hoteles (41 hoteis en 4 países), Iberostar Hotels & Resorts (120 en 19 países) e Barceló (183 en 31 países).

 

No caso de Vincci, o seu director xeral, Carlos Calero, tamén estudou ampliar a súa oferta de stage (prácticas) co CSHG con máis alumnos de prácticas. A cadea ofrece máis prazas e con mellores condicións en postos directivos.

 

CSHG oferta o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, mencións en Dirección Hoteleira e Gastronomía, título oficial da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais dun curso propio para formar cociñeiros dun ano de duración: o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería.

 

Despois dunha serie de medidas aprobadas pola Xunta de Galicia para facilitar o acceso a estes estudos, a matrícula custa este curso 4.000 € (reduciuse nun 50 % con respecto ao curso pasado) e aprobáronse 52 novas bolsas de estudo (triplicouse a oferta) que conta co aloxamento e a manutención gratuíta. As persoas interesadas en matricularse poden chamar ao 981 54 25 59/93, enviar un WhatsApp ao 689 188 437 ou escribir a info@cshg.es.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024