A Xunta financia a 72 investigadores posdoutorais para que afiancen a súa traxectoria en Galicia

A Consellería de Educación vén de adxudicar os contratos tanto para a formación completa como para a consolidación de liñas de investigación propias

Un total de 60 investigadores traballarán nas universidades públicas (27 na USC, 18 na UVigo, 15 na UDC) e outros 12 farano en organismos públicos de investigación

Enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte e especializado

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de resolver dúas convocatorias de axudas para contratos posdoutorais de formación e continuidade co obxectivo de que os investigadores seleccionados desenvolvan o seu labor científico en estruturas de investigación en Galicia. Trátase da resolución das axudas á etapa posdoutoral de modalidade única e á de continuidade.

As dúas accións forman parte das oito que conforman o Plan iTransfer de Promoción da Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), dotado con 104M€ no 2024, co fin de impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Neste programa inclúense, ademais das citadas bolsas, outras iniciativas como os Campus de especialización e convenios de I+D+i cos centros de investigación.

 

Modalidade formación completa

Investigadores das tres universidades públicas e varios organismos públicos de investigación da Comunidade son os beneficiarios das 49 bolsas de axudas para afianzar a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades e o desenvolvemento da súa carreira científica.

 

A resolución das axudas do 2024 ten como novidade que o investigador acceda a unha convocatoria única de seis anos de duración dividida en dúas fases de tres anos cada unha, cunha avaliación intermediaria para pasar dunha etapa á outra.

 

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, cobrarán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. Durante a segunda fase, os beneficiarios cobrarán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación. En total, a Xunta de Galicia destina case 15M€ a esta bolsa de axudas.

 

A convocatoria inclúe un compromiso por parte das universidades que acollan contratados ao abeiro da mesma de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados ás necesidades docentes ou investigadoras.

 

Modalidade de consolidación de novas liñas de investigación

Así mesmo, tamén se revolven as axudas posdoutorais de continuidade, coas que se posibilita o perfeccionamento da formación dos investigadores posdoutorais e o establecemento dunha liña de investigación propia. Trátase de 23 bolsas (20 para as universidades públicas do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias) por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas.

 

A novidade das axudas deste ano 2024 é que os contratos posdoutorais de continuidade terán unha duración de tres anos e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia para que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego. Desta maneira, a Xunta de Galicia reforza o investimento ata os 3,6M€.

 

O importe das axudas nesta modalidade destinarase ao pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024