A Xunta licita por máis de 126.000 € a redacción do proxecto do novo centro de saúde do Concello de Barro

Suporá habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona e incrementar nunha sala polivalente e unha consulta de enfermería pediátrica

O proxecto prevé un centro de saúde con máis do dobre de espazo que o actual

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 15 de xullo

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Xunta publica, no Portal de Contratos de Galicia, a licitación,  por 126.229,57 euros, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde do Concello de Barro.

O novo equipamento figura na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, pero a celeridade do Concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata, e a ausencia de propostas concretas doutros Concellos con centros incluídos na Fase 1, como Cangas ou O Grove, teñen levado ao Goberno galego a priorizar a proposta do centro de Barro. O actual centro de saúde, cunha antigüidade de 40 anos, conta con accesos non axeitados, instalacións anticuadas e unha evidente limitación de espazos.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona. Isto supón, con respecto ao centro actual, incrementar nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal, así como habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona. Este plan desenvolveríase nun edificio duns 800 m2, máis que duplicando a superficie de 320 m2 do actual centro de saúde.

A redacción do proxecto básico ten un prazo de execución de un mes desde a formalización do contrato e, a continuación, a redacción do proxecto de execución ten un prazo de dous meses desde a aprobación do proxecto básico.

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo  o 15 de xullo.

Data de actualización: 28/06/2024