A campaña de inmunización fronte ao VRS da Xunta, galardoada como mellor proxecto autonómico de adherencia

A iniciativa da Consellería de Sanidade foi posta en valor de entre o conxunto de proxecto desenvoltos polos sistemas sanitarios públicos autonómicos

O Executivo galego agarda reducir nun 90% o número de hospitalizacións coas novas campañas de administración deste anticorpo monoclonal

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A campaña de inmunización fronte ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS), impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública vén de ser galardoada como Mellor proxecto sanitario na categoría de Consellerías de Sanidade nos VII Premios OAT Adherencia 2023.

Así, a directora do Centro galego para o control e prevención das enfermidades, Marta Piñeiro, recolleu no Hospital Universitario Virgen del Rocío de Sevilla un premio no que se puxo en valor este proxecto da Xunta como a mellor iniciativa artellada polo conxunto das administracións sanitarias de toda España, de acordo ás estratexias levadas a cabo para aumentar a adherencia ás campañas de inmunización.

A campaña destaca polo importante impacto que ten inmunizar aos máis pequenos fonte ao VRS pois, a súa posta en marcha en Galicia evitou a hospitalización de 400 lactantes menores de 6 meses, e acadou unha efectividade do 82%. 

Nesta liña, Marta Piñeiro resaltou as porcentaxes de adhesión que obtivo este programa na nosa comunidade, pois máis de 13.500 nenos e nenas galegas foron protexidos cun anticorpo monoclonal que evita unha das principais infección respiratorias.

“Trátase dun logro de toda a comunidade galega, tanto desde o punto da Administración, como por parte dos profesionais sanitarios e tamén desde o punto de vista dos pais e nais que colaboraron na protección dos seus fillos e fillas”, resaltou Piñeiro.

En datos, esta campaña pioneira da Xunta de Galicia acadou unhas coberturas do 92,3% nos meniños nados en campaña, do 100% nos nenos e nenas de alto risco, e de até o 84,8% no procesos de recaptación de menores nacidos desde o 1 de abril de 2023.

O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) provocaba en Galicia entre 800 e 1.000 hospitalizacións anuais antes da pandemia. Así, e grazas a efectividade do anticorpo, que se sitúa no no 87%, agardase reducir nun 90% o número de ingresos hospitalarios.

Co obxectivo de manterse como o sistema sanitario co mellor calendario vacinal do mundo, o executivo galego destinará un investimento de preto de 40 millóns de euros ap programa de vacinación deste ano 2024.

O Grupo OAT é unha organización independente e multidisciplinar do ámbito sanitario que anualmente premia aos mellores proxectos e programas nacionais de adherencia nos ámbitos da medicina de atención primaria, a medicina hospitalaria, enfermería, farmacia, organizacións sanitarias, asociacións de pacientes e traxectorias profesionais.

Así, contribúe ao recoñecemento público e a posta en valor do esforzo realizado de todas aquelas entidades e persoas físicas ou xurídicas do ámbito da sanidade que, durante o ano 2023, desenvolverán proxectos ou iniciativas encamiñados á mellora da adherencia en patoloxías crónicas, agudas e enfermidades raras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024