A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou na clausura da 8ª Reunión Ibérica de Ciencia e Tecnoloxía de Aerosois (RICTA 2024)

A Xunta salienta que os sistemas de control da calidade do aire constatan que Galicia cumpre cos valores establecidos pola OMS

Paula Uría pon en valor que a Comunidade ten unha boa base para afrontar os novos obxectivos establecidos pola Unión Europea e a OMS para o ano 2030 neste eido

A Coruña, 28 de xuño de 2024

A Xunta salienta que os sistemas de control da calidade do aire constatan que Galicia cumpre cos valores establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Durante a súa intervención na clausura da 8ª Reunión Ibérica de Ciencia e Tecnoloxía de Aerosois (RICTA 2024), a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor que en todas as estacións da rede de calidade do aire “se cumpriron os valores establecidos para a protección da saúde humana”, o que, ademais, supón unha “boa base” para afrontar os novos obxectivos establecidos pola Unión Europea e a OMS para o ano 2030 neste eido.

De feito, a Xunta realizou xa unha análise para coñecer a repercusión na calidade do aire de Galicia dos novos parámetros de cara a 2030. Nesa liña, analizáronse os datos recollidos pola Rede de Estacións no período 2018-2022 en base aos parámetros da nova directiva. A maiores, fíxose unha proxección das emisións na Comunidade en 2030, coa que se realizou unha simulación do estado da calidade do aire á que tamén se lle aplicaron os novos valores límite.

Nesa liña, a directora xeral lembrou que a rede de estacións galega -composta por 47 instalacións- é unha das mellores e máis completas de todo o país grazas a un proceso constante de renovación, ampliación e optimización, que permite unha boa cobertura de todo o territorio.

Ademais, logo de subliñar que Galicia é a única comunidade que conta cun Laboratorio de Medio Ambiente que está acreditado para a realización das análises dos contaminantes do aire ambiental, Uría incidiu en que a Xunta constituíu o pasado ano o Consello Galego de Calidade do Aire como espazo transversal para promover a participación activa e responsable da sociedade galega nesta materia e como plataforma de intercambio de información entre administracións, empresas, sector académico e cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024