Galicia alenta unha postura común das comunidades autónomas para a xestión ética e responsable da IA

Na xuntanza participaron representantes de 12 gobernos autonómicos, que avanzaron nun documento de consenso de principios xerais para afrontar os retos do uso desta tecnoloxía nas Administracións públicas

As CCAA aplicarán estes principios cando deseñen, adquiran e utilicen sistemas ou modelos de intelixencia artificial

O documento conxunto garante, entre outros, a intervención e revisión humana, a transparencia, a seguridade, a imparcialidade e ausencia de sesgos ou a claridade

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2024

Representantes de 12 gobernos autonómicos de España participaron esta semana en Santiago nun encontro co obxectivo de establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da intelixencia artificial que poidan ser asumidos por todas as Comunidades Autónomas.

A xuntanza coincidiu coa celebración na Cidade da Cultura dunha xornada sobre o impacto do regulamento europeo de IA nas organizacións que contou coa participación da recentemente nomeada directora da Oficina de IA da Comisión Europea, Lucilla Sioli, e foi clausurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O evento foi organizado conxuntamente por Gartner e a Xunta de Galicia.

Os representantes autonómicos traballaron nun documento de consenso que recolle unha serie de principios xerais de carácter ético para afrontar o deseño, adquisición e uso de sistemas ou modelos de intelixencia artificial por parte das Administracións públicas. O obxectivo é que este documento sexa asumido por todas as Comunidades Autónomas do Estado.

Entre estes principios atópanse os de boa administración dixital e dilixencia debida; auditabilidade, trazabilidade e explicabilidade; transparencia; claridade; imparcialidade e ausencia de nesgos; seguridade e privacidade; reserva de humanidade e revisión humana; proactividade e personalización; universalidade e accesibilidade, fiabilidade e responsabilidade; avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente; avaliación continua; precaución; formación continua e colaboración e transferencia.

As Comunidades autónomas súmanse con estes principios ao enfoque da Unión Europea para o liderado mundial no desenvolvemento dunha intelixencia artificial fiable, segura e humanista, que sexa un instrumento para gañar eficiencia e aumentar a competitividade en todas as áreas de desenvolvemento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2024