A Xunta incide na importancia do emprego autónomo en Galicia e nas medidas autonómicas para apoiar a creación e consolidación de novas empresas

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na Coruña na entrega dos XIV Premios Moce que contan coa colaboración da Administración galega 

Puxo en valor os programas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que apostan polo mentorado como ferramenta de desenvolvemento do potencial das persoas e de apoio aos traballadores autónomos 

Mentoring Traballo Autónomo oferta nunha nova edición 200 prazas que se poden solicitar ata este domingo, 30 de xuño, unha iniciativa que desde o seu nacemento en 2020 permitiu asesorar máis de 850 traballadores autónomos 

A Coruña, 28 de xuño de 2024

A  directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no acto de entrega dos XIV Premios Moce -promovidos pola Fundación Ronsel coa colaboración da Xunta de Galicia, o BBVA e Quincemil- nos que destacou a importancia desta iniciativa para “impulsar e recoñecer” a actitude emprendedora de galegas e galegos e apoiar a creación de novas empresas que xeren riqueza na comunidade.

A Xunta de Galicia, avanzou, continúa comprometida co deseño de políticas activas de emprego enfocadas a impulsar, entre outros, o emprendemento a través do emprego autónomo e a economía social. En liña co obxectivo destes galardóns, impulsar a actitude emprendedora, apoiando e destacando a importancia do autónomo para a economía galega, o Goberno galego ten en marcha diferentes iniciativas. Da man da Fundación Ronsel, conta, entre outros, co programa Mentoring Traballo Autónomo co que se busca impulsar a consolidación de empresas e negocios que xeren riqueza e emprego e vertebren o territorio. 

En total, nesta edición ofértanse 200 prazas (pódense solicitar ata este domingo 30 de xuño) para recibir mentorización, unha fórmula que persegue desenvolver o potencial das persoas participantes e xerar un mercado laboral máis forte. Cómpre engadir que a edición de 2023 da iniciativa saldouse coa participación de 214 autónomos: principalmente mulleres (70%) con estudos universitarios ou de mestrado e dun tramo de idade comprendido entre os 30 aos 49 anos. Desde que naceu a iniciativa en 2020, a Xunta asesorou máis de 850 traballadores autónomos a través deste programa.

O Goberno galego está a apostar polo mentorado como unha ferramenta de desenvolvemento do potencial das persoas.

Como acción complementaria do programa, a Xunta apoia o subprograma Galicia Camiño Emprendedor, a través do que se organizan etapas anuais do Camiño de Santiago coa finalidade de impulsar o proceso de mentorización e reforzar as relacións profesionais das persoas participantes. 

Entre outros beneficios, o Camiño serve como marco para incrementar as habilidades de comunicación e xerar alianzas profesionais. Do mesmo xeito,  dáse pulo a negocios de hostalería e aloxamento vencellados coa ruta xacobea, que destacan pola súa singularidade ou polo traballo na defensa da tradición.

Os polos de emprendemento

Para impulsar o emprendemento en Galicia, a Xunta, ademais, conta coa Rede de polos con 13 centros activos nos que se prestou xa asesoramento a máis de 2.000 proxectos. O Plan de remuda, así mesmo, é outra das iniciativas autonómicas neste eido para garantir a continuidade dos negocios, constituíndose como unha bolsa de substitución de negocios. 

Este Plan completase cunha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, destinada a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.

Para rematar, a directora xeral, ademais de expoñer as diferentes actuacións da Xunta no ámbito do emprendemento, incidiu na aposta do Goberno galego polo diálogo e pola colaboración público-privada para seguir a facer de Galicia unha terra de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024