A Estratexia Galicia Dixital 2030 mobilizou cerca de 900 millóns de euros dende a súa posta en marcha en 2021 ata finais de 2023

Case 230 millóns corresponden a capital privado e os investimentos públicos foron de fondos propios da Xunta e da Unión Europea

O sector tecnolóxico de Galicia representa xa o 2,7% do PIB da Comunidade, cun Valor Engadido Bruto anual que supera os 1.700 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2024

O proceso de modernización tecnolóxica de Galicia sumou algo máis de  886,8 millóns de euros en investimentos públicos e privados desde a posta en marcha en 2021 da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) ata finais de 2023. Así o indican os datos que ven de presentar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A presentación desta memoria coincidiu coa celebración do Pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Este órgano asesor, dependente da Axencia, ten como obxectivo avaliar a evolución da sociedade da información nesta Comunidade.

Os datos indican que o investimento de capital privado sumou 229 millóns de euros nos tres anos. Os investimentos públicos procederon dos fondos propios da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dos fondos doutros departamentos da Administración e de fondos europeos. Nos vindeiros anos, estas cantidades aumentarán pola execución do programa Next Generation EU a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do instrumento REACT-EU.

Administración e Goberno Dixital

A memoria destaca os 183,5 millóns de euros investidos entre 2021 e 2023 na configuración dun Goberno e Administración intelixente. Entre as actuacións neste eido atópanse o III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, o Programa para o Emprego Público Dixital, o Programa de Dixitalización da Xustiza ou o Programa de Mellora das Capacidades e Infraestruturas Dixitais das Administracións Públicas.

Estas actuacións permiten avanzar nuns servizos da Administración máis eficaces, máis personalizados e máis accesibles a través do uso de tecnoloxías avanzadas. Neste sentido, a Xunta puxo a disposición da cidadanía unha aplicación para móbiles que concentra os servizos da Administración (XuntaEu); engadiu novas funcións e trámites á sede electrónica; puxo en marcha unha Plataforma de Automatización de Procesos para axilizar as tramitacións e proporcionar una resposta personalizada; ou renovou a Oficina Virtual Tributaria, entre outras accións.

Saúde e benestar social

A consolidación dun entorno dixital para a saúde e o benestar social sumou 130,2 millóns de euros en investimentos no período 2021-2023. O obxectivo da Xunta neste eido é o de consolidar un modelo socio-sanitario personalizado, preditivo e preciso. Ademais de mellorar servizos como o da Plataforma Telea, que permite un seguimento estreito de doenzas crónicas sen desprazamentos innecesarios, ou a aplicación Sergas Móbil; avanzouse no uso das potencialidades da Historia Clínica Electrónica e da Historia Social Única Electrónica. Neste período impulsouse o modelo de atención residencial a persoas maiores ou con discapacidade, así como o servizo de teleasistencia no fogar.

Economía dixital e sostible

O balance destaca tamén os investimentos para a configuración dunha economía dixital e sostible, que suman 335,7 millóns de euros. As actuacións nesta área inclúen o Programa de Transformación Dixital do Servizo Público de Emprego; o Programa de Transición Dixital para a Industria e a Empresa; ou o Programa Dixital de Mellora da Competitividade do Sector de Produtores Locais.

No resto dos eixos da EGD2030, os investimentos para acadar unha Sociedade dixital e inclusiva sumaron 63,8 M€; Territorio intelixente, verde e resiliente, 25,1 M€; conectividade dixital do territorio, 39,5 M€ e Cultura e turismo intelixente, 8,8 M€. Os investimentos no eixo transversal de Especialización tecnolóxica sumaron 99,7 M€.

Por último, o informe sinala que o sector tecnolóxico de Galicia xerou en 2021 un Valor Engadido Bruto de 1.753 millóns de euros, o que representa o 2,7% do Produto Interior Bruto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2024