A Xunta somete a información pública o proxecto para executar unha glorieta na intersección da estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda

A actuación suporá un investimento autonómico de máis de 405.000 M€

Trátase de reformar a intersección actual, con forma de “T”, nestas dúas vías autonómicas para aumentar a seguridade, a funcionalidade e a imaxe urbana da zona

A rotonda incrementará a fluidez do tráfico, que actualmente está regulado por semáforos que permiten todos os xiros e provocan demoras na circulación

A nova glorieta tamén facilitará a incorporación á estrada AC-862 desde un camiño estreito, mellorando así a visibilidade

As persoas interesadas poderán presentar as súas alegacións durante 30 días hábiles, contados a partir de mañá

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto para executar unha nova glorieta na intersección da estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do inicio deste trámite de información pública necesario para executar esta reforma da intersección existente entre estas dúas vías autonómicas, co fin de incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade e a imaxe urbana da zona. Esta actuación conta cun investimento estimado en máis de 405.000 euros.

En concreto, a actuación definida neste proxecto deseñado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas céntrase na reforma da intersección entre as estradas AC-862 no seu punto quilométrico 7+280 de xeito aproximado, e a estrada AC-115.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. No seguinte enlace pódese ampliar esta información publicada no DOG desde hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240628/AnuncioG0181-110624-0003_gl.html

As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá.

A previsión do departamento que dirixe María Martínez Allegue é poder aprobar o proxecto a finais deste ano, para xa no primeiro trimestre de 2025 realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras. O prazo aproximado para a realización dos traballos é de 5 meses.

Na actualidade a intersección existente, con forma de “T” e con todas as posibles opcións de xiro pola actual configuración dos semáforos, causa demoras na circulación. Ademais, neste cruce tamén hai unha incorporación dun camiño estreito á estrada AC-862, que pode ver mellorada a visibilidade.

É necesario destacar que os contornos do cruce actual condicionan notoriamente as posibilidades de deseño da glorieta, dado que a definición xeométrica en planta ven marcada pola localización de edificacións con beirarrúa e pola posición dos eixes actuais das estradas.

Por iso, no proxecto elaborado polo departamento de Infraestruturas da Xunta téñense en conta actuacións sobre os distintos viarios da contorna. Xa no detalle, deséñase a glorieta na AC-862 e AC115 cunha circunferencia de radio 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que será de formigón cunha pequena zona verde interior.

Actuarase, ademais, nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-862 e AC-115, nos que se realizarán adaptacións pola implantación da glorieta. O treito afectado da AC-862 é entre os puntos quilométricos 7+204 e 7+418; o treito afectado da AC-115 é entre os puntos quilométricos 4+640 e 4+706.

Tamén se intervirá nos entronques do viario local á glorieta, onde é especialmente relevante o enlace con seguridade do camiño que entronca actualmente con visibilidade deficiente na AC-862.

Situación da nova glorieta

Dadas as características da actuación, unha das maiores dificultades é o correcto encaixe da glorieta en canto a pendente, así como do viario que conflúe nela. No proxecto redactado definiuse para todos os viais descritos un trazado en alzado que se realiza un axuste progresivo nos abanos de enlace coa glorieta.

Cómpre destacar que con esta intervención se resolve tamén a continuidade dunha beirarrúa accesible ao longo da AC-862, na súa marxe esquerda. A día de hoxe hai un treito sen beirarrúa, e esta situación se resolve coa obra que se proxecta, cunha nova beirarrúa de ancho mínimo 1,80 metros.

A configuración viaria proxectada tamén permite a conformación dunha zona verde no entronque do camiño municipal. Finalmente, este trámite de información pública é necesario tamén para os efectos expropiatorios, xa que coa intervención se afecta 1 predio particular cunha superficie de 806 m2.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024