Medio Rural apoia as agrupacións de defensa sanitaria gandeira con máis de 2 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a relación de beneficiarios que contarán cunha subvención destinada a financiar e levar a cabo os seus programas de planificación zoosanitaria

Estas entidades desenvolven plans de prevención e control de enfermidades animais, que melloran as condicións hixiénicas e de benestar animal das explotacións e contribúen a manter o bo estado sanitario da cabana galega

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Consellería do Medio Rural apoia as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) con 2,28 millóns de euros. Estes fondos servirán para financiar o traballo que realizan as diferentes entidades co obxectivo de desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais, ademais de participar na rede galega de epidemiovixilancia deste tipo de doenzas. Estas axudas, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), benefician a 63 ADSG para o período 2024-2025.

Os programas de planificación zoosanitaria subvencionados con esta orde levaranse a cabo entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025. Estes proxectos reforzan as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e incrementan a posibilidade de acadar unha mellora da saúde animal da cabana gandeira galega.

O obxectivo principal destas axudas é seguir mellorando o estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. Ademais, no contexto do mercado actual, resulta fundamental manter a salubridade animal mediante iniciativas destinadas ao control de determinadas doenzas, coa intención de manter a rendibilidade e asegurar a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal.

As ADSG tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal. A través destas achegas, preténdese avanzar na integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan as agrupacións nos devanditos programas.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240627/AnuncioG0426-190624-0007_es.html

Data de actualización: 28/06/2024