O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude recibe no Gaiás ás persoas beneficiarias das prácticas nestes centros

López Campos destaca a oportunidade formativa que ofrecen as bolsas en bibliotecas, arquivos e museos

Resalta a importancia destas estadías “para crear un tecido profesional ben preparado para institucións esenciais na preservación e difusión da historia, a cultura, a arte e o coñecemento”

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mostrouse convencido da “grande oportunidade que se lles proporciona ás persoas beneficiarias das bolsas en biblioteconomía, en materia de arquivos e en museos para complementar a súa formación académica vivindo a realidade do día a día en canto ao desenvolvemento das súas funcións”. Fíxoo na benvida que esta mañá recibiu na Cidade da Cultura o persoal bolseiro que durante os vindeiros meses gozará desas prácticas en diversos centros de toda  Galicia.

Ademais, durante a recepción, o titular de Cultura do Goberno galego resaltou a importancia destas estadías para “favorecer a creación dun tecido de profesionais ben preparados para as bibliotecas, arquivos e museos da Comunidade, todas elas institucións esenciais para preservar e difundir a nosa historia, cultura, arte e coñecemento“.

Neste senso, cómpre lembrar que foron adxudicadas un total de 73 prazas para o período 2024-2025, distribuídas en 33 persoas en bibliotecas, 20 en arquivos e outras 20 en museos. Durante a experiencia, que pode ir de 6 a 12 meses (14 no caso das bibliotecas), as persoas en formación estarán tuteladas polos servizos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Actividade formativa

No tocante aos arquivos as funcións a desempeñar polas persoas en prácticas, que proceden de estudos de Historia ou Arquivística, teñen que ver cos procesos técnicos que se realizan en relación aos fondos documentais.

 Pola súa parte, os bolseiros das bibliotecas achegaranse ao uso e tratamento dos fondos bibliográficos, á atención aos usuarios e á adquisición das competencias propias neste ámbito. Trátase de persoas tituladas en Biblioteconomía, Documentación, Historia da Arte, Lingua e Literatura, Difusión Cultural ou Humanidades.

As persoas beneficiarias da formación nos espazos museísticos completarán o seu currículo académico mergullándose no ámbito da xestión documental, rexistro, inventario e catalogación de pezas de exposición. Ademais, no que ten que ver coa difusión tamén coñecerán a preparación de mostras, material divulgativo e realización de visitas guiadas ou obradoiros. As persoas ás que se outorgaron as prazas realizaron estudos en Historia da Arte, Arqueoloxía, ou especialidades relacionadas coa pintura ou escultura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024