O Cesga e Brazolinda presentan na Maker Faire Galicia ‘Qlab’, un xogo educativo de inspiración cuántica

O obxectivo deste xogo de mesa é divulgar os principios básicos da mecánica cuántica ao tempo que se entreteñen os xogadores

A súa creación é parte dos esforzos de divulgación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, impulsado pola Xunta e cofinanciado con fondos europeos

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

Mañá, sábado 29 de xuño, ás 10,30h e no marco da celebración da X Maker Faire Galicia en Área Central en Santiago de Compostela, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa de deseño e comercialización de xogos de mesa Brazolinda presentan QLAB Laboratorio cuántico. Na presentación participarán a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; Lois Orosa, director do CESGA, e Irimia Fernández, creadora de Brazolinda.

QLAB, Laboratorio cuántico é un xogo de mesa colaborativo que ten como principal obxectivo aprender os principios básicos da Mecánica cuántica nos que se basea o deseño e funcionamento dos computadores cuánticos. Para iso, incorpora nas normas do xogo conceptos como a superposición ou o entrelazamento, facilitando que os xogadores gañen comprensión destas propiedades da materia que adoitan resultar pouco intuitivas para o común dos mortais.

Tras a presentación do xogo, os asistentes á Maker Faire Galicia, terán oportunidade de testar o xogo nunha partida dirixida polos seus creadores.

Material educativo desde Compostela

QLAB pretende ser pasatempo educativo para os xogadores e unha ferramenta de apoio para educadores e formadores en Física. Está deseñado especificamente para servir como material educativo en etapas de Secundaria, aínda que é apto para ser xogado por calquera que teña interese en gañar coñecemento sobre os conceptos cuánticos e mesmo para quen simplemente goce xogando a xogos de mesa.

A idea orixinal é de Irimia e Brais Fernández Álvarez, da empresa de deseño e comercialización de xogos con sede en Compostela Brazolinda.  No deseño do xogo contaron co asesoramento científico de Mariamo Mussa Juane e Guillermo Díaz Camacho, ambos doutores en Física e investigadores en Computación cuántica no CESGA. Os creadores e deseñadores de xogos de Brazolinda e os investigadores do CESGA mantiveron intensas interaccións durante todo o proceso de deseño e testeo de QLAB.

A creación de QLAB é parte dos esforzos de divulgación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia e que conta con financiamento europeo como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Data de actualización: 28/06/2024