Declaración institucional con motivo do Día internacional do Orgullo LGBTI, o 28 de xuño de 2024

Dereitos, igualdade e respecto á diversidade. Estes tres conceptos, tan básicos á vez que transcendentes, son os que a Xunta de Galicia pon de manifesto a diario, pero especialmente neste 28 de xuño, Día internacional do Orgullo LGBTI.

O Goberno galego, en representación de todos os galegos e galegas, quere reivindicar a liberdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e a súa identidade de xénero. E, sobre todo, o seu dereito a vivilas en igualdade de trato e sen discriminación.

Son moitas as leis que recoñecen a igualdade de todas as persoas como principio xurídico fundamental e universal, mais a Xunta de Galicia é consciente da necesidade de seguir traballando ata que o conxunto da sociedade recoñeza e respecte de xeito rotundo a diversidade.

Todo o que temos avanzado neste eido foi grazas a unha inmensa maioría de galegas e galegos que cren e practican a igualdade cada día, en cada xesto, por pequeno que pareza. Tamén grazas ao labor conxunto das institucións e do movemento asociativo. Pero os avances nunca serán suficientes mentres permaneza a máis mínima discriminación e conduta LGBTIfóbica.

Galicia é e seguirá sendo unha comunidade aberta e acolledora. Unha comunidade que abraza a diversidade e que está comprometida para seguir traballando cun só obxectivo: vivir en igualdade. Farémolo con máis recursos e máis accións de visibilización, concienciación e sensibilización. Comprometémonos a seguir esa senda dunha soa dirección que é a igualdade.

Galicia está orgullosa. De todas e de todos, sen excepcións. Porque se hai algo que fará que vivamos nunha Galicia mellor, iso será o respecto e a igualdade.

Data de actualización: 28/06/2024