Belén do Campo anuncia a licitación da cubrición da pista no IES Alfonso X O Sabio en Cambre por 363.000€ e a reforma da cociña e comedor do CEIP A Rabadeira de Oleiros por 288.000€

A delegada da Xunta destacou que a actuación en Cambre dotará ao centro dun novo espazo cuberto para ofrecer máis alternativas aos usuarios deste instituto

A obra en Oleiros permitirá dotar ao centro dunhas instalacións para os almorzos máis amplas e funcionais

A representante do Goberno galego subliñou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros adaptándoos as novas necesidades educativas

Cambre (A Coruña), 28 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o IES Alfonso X O Sabio de Cambre para anunciar a licitación dunha actuación que suporá un investimento de máis de 363.000 euros para levar a cabo a cubrición da pista exterior que terán un prazo de execución de 4 meses. Estas obras dotarán ao centro dun novo espazo cuberto para ofrecer máis alternativas á comunidade educativa deste instituto.

A finalidade do novo proxecto é dar resposta ás necesidades dos usuarios do centro de dispoñer de espazo cuberto exterior para o desenvolvemento de actividades deportivas e de recreo. A actuación contempla a cubrición da pista deportiva existente no extremo sur da parcela, mediante unha cuberta a dúas augas.

Proponse a execución dunha estrutura de formigón prefabricado composta de piares, cerchas e correas do mesmo material, sobre a que se instalará unha cubrición de panel sándwich metálico con illamento térmico intermedio. As augas pluviais recolleranse mediante canlóns de aluminio e baixantes de PVC con tramo inferior de aceiro, que se conectarán á rede de recollida de pluviais existente. O espazo cuberto tamén contará coa instalación de iluminación e electricidade necesarias para o seu uso. Finalmente, o proxecto tamén contempla un novo acabado de formigón sobre a pista existente.

Durante a visita a delegada tamén anunciou que a Xunta tamén licitou outra actuación por 288.000€ no CEIP A Rabadeira que consiste na reforma interior do comedor e da cociña co fin de contar cunhas instalacións máis funcionais. Ao mesmo tempo realizaranse unha serie de actuacións na envolvente que melloren a estanquidade, a eficiencia enerxética e as condicións de confort no interior.

O proxecto tamén contempla unha reorganización máis funcional da cociña. Ademais tamén se inclúe a substitución das carpinterías existentes, a substitución da cuberta e a execución dun illamento térmico exterior (sistema SATE).

Belén do Campo subliñou que todas estas obras, que na comarca da Coruña suporán máis de 650.000 euros, se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros dos centros adaptándoos as novas necesidades educativas.

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, recalcou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2024