A consellería do Medio Rural destaca a calidade dos viños, augardentes e licores da comunidade na celebración das Catas de Galicia 2024

O evento conta cunha fase de selección previa, que se está a celebrar, e unha cata final onde se designarán as mostras máis salientables 

O obxectivo é promocionar a personalidade e características da produción con certificación de orixe galega

 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A Consellería do Medio Rural fomenta o recoñecemento dos viños, augardentes e licores tradicionais da comunidade na celebración das Catas de Galicia 2024. Máis de 400 mostras pertencentes a preto de 200 empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas presentáronse ao certame e serán valoradas por 65 profesionais.

A cata a cegas ten lugar no Pazo de Quián, en Sergude. Co obxectivo de determinar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia deste 2024, o evento divídese en dúas etapas: una fase de pre-cata ou selección previa, que se está a celebrar e se estenderá ata o 3 de xullo, e unha cata final na que participarán expertos de diversos ámbitos relacionados coa enoloxía e o sector agroalimentario. A entrega de premios realizarase o 12 se xullo nunha gala na que se porán de manifesto as calidades da produción galega nesta área e o traballo existente detrás dela.

A Consellería salienta a través desta actividade a importancia de promocionar, identificar e premiar a aqueles viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da comunidade.

Data de actualización: 28/06/2024