A Xunta defende a creación dunha mesa de traballo co Concello de Vigo e Conxemar para avaliar as cuestións que blinden o carácter referencial desta feira

O director xeral de Comercio e Consumo trasladou no Padroado de Ifevi que o Goberno galego sempre apoiou e vai seguir apoiando á Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura

A Xunta ve estratéxico impulsar un espazo de colaboración para abordar a situación actual de Conxemar, avaliar as súas necesidades reais e artellar as posibles solucións

Neste sentido, tamén prantexa un encontro coa Zona Franca para coñecer e afondar nas súas propostas, avaliar a súa oferta de investimento no Ifevi e as condicións

Vigo, 27 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu hoxe á reunión do Padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), na que defendeu a necesidade de crear unha mesa de traballo co Concello de Vigo e con Conxemar -a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura-, enfocada en potenciar o desenvolvemento da feira organizada en Vigo por esta entidade, referencial para este sector e para a economía galega no seu conxunto.  

Dentro da aposta da Xunta pola colaboración público-privada e o seu compromiso con Vigo, considerase estratéxico impulsar este espazo de diálogo co obxectivo de abordar a situación actual, avaliar as necesidades reais -que van máis aló dos espazos, ao afectar tamén ao aparcamento, as conexións por estrada co Ifevi e co aeroporto ou a reordenación e tráfico- e artellar as vías de traballo que favorezan as solucións garantes para que Conxemar siga medrando dende esta cidade.

Neste mesmo sentido, o Goberno autonómico prantexa un encontro coa Zona Franca para poder afondar nas súas propostas sobre Ifevi, permitindo avaliar a súa oferta de investimento e as condicións respecto da oferta coñecida onte polos medios de comunicación.

No encontro de hoxe, o director xeral tamén trasladou que o Goberno galego sempre apoiou e vai seguir apoiando a Conxemar e a súa feira e insistiu no xa mencionado compromiso do Executivo galego co seu desenvolvemento en Vigo. Neste sentido, expuxo que o contacto é permanente co fin de analizar as necesidades do sector transformador e as posibles solucións para que a feira continúe coa súa boa evolución.

Unha traxectoria, engadiu Alén, á que contribuíu en gran medida a Xunta e que beneficia ao conxunto do tecido económico empresarial tanto de Vigo como de Galicia. Mostra deste apoio do Executivo autonómico é a renovación do convenio de colaboración con esta asociación por dous anos cunha aportación autonómica de 605.000 euros e un incremento da contía anual de preto do 52%. Ademais, cómpre lembrar, por exemplo, que en setembro de 2022 a Xunta asinou a cesión do novo pavillón do Ifevi, cun investimento de 8,3 millóns de euros para as novas instalacións.

Nesta liña, o director xeral sinalou que a feira que acolle Vigo a comezos de outubro ten impacto noutros sectores económicos, ademais do de transformación e elaboración de produtos do mar, e que as solucións para garantir o seu peso específico neste ámbito dende a cidade olívica deben abordarse, insistiu, a través da cooperación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024