O presidente da Xunta participou na entrega dos Premios Fin de Carreira

Rueda destaca a excelencia e o talento do alumnado universitario galego como claves para o futuro da comunidade

Salienta o esforzo e dedicación dos 209 estudantes galardoados por contar cun expediente sobresaínte

Subliña a creación de novos másteres, a conxelación das taxas universitarias e a gratuidade da primeira matrícula como algunhas das medidas impulsadas para fortalecer o Sistema Universitario Galego

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o “talento e esforzo” dos universitarios galegos, asegurando que son “a Galicia do futuro”. Así se referiu no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira correspondentes aos cursos 2021/2022 e 2022/2023, onde destacou as “horas de estudo e as renuncias a moitas cousas” dos 209 estudantes galardoados polos seus expedientes sobresaíntes.

“Parabéns por acadar este éxito enorme e por ter sido os mellores nun mundo competitivo”, asegurou, ao mesmo tempo que quixo tamén felicitar ás familias e ás tres universidades públicas galegas.

No acto, Rueda comprometeu o apoio da Xunta para seguir fortalecendo un Sistema Universitario galego “excelente”, axustando a oferta académica ás necesidades do tecido produtivo e do propio alumnado. Así, o ano que vén estrearanse 5 másteres novos –Biofabricación, Internet das Cousas e Ensino do Español como Lingua Estranxeira (de carácter interuniversitario entre as tres universidades públicas galegas); Biociencias Moleculares (USC): e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible (UDC)–.

Ademais, o titular do Goberno galego lembrou que as taxas universitarias levan “conxeladas” 13 anos consecutivos e que, a partir do vindeiro curso, a primeira matrícula para os alumnos de grao e de ensinanzas artísticas superiores será gratis. Unha medida ratificada esta mesma semana no Consello da Xunta, que fará que a comunidade sexa a única na que os estudantes que aproben e vaian cumprindo os requisitos, poidan estudar unha carreira totalmente de balde.

O presidente enmarcou todas estas iniciativas no afán do Goberno galego por impulsar a igualdade de oportunidades e desexoulles moita sorte aos galardoados na nova etapa que hoxe comezan. “Hai talento, hai esforzo e hai futuro en Galicia grazas a vós”, manifestou.

Data de actualización: 27/06/2024