As obras do instituto IES Valle Inclán de Pontevedra recibirán un novo impulso este verán para que todas as aulas estean operativas ao inicio do curso en setembro

O director territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, presidiu a reunión da comisión de seguimento dos traballos, que avanzan a bo ritmo

Xa se actuou sobre o 74% da superficie de cubertas e agora estase traballando no interior do edificio 

Prevese que a mediados de xullo estean desmontadas as aulas móbiles 

Pontevedra, 27 de xuño de 2024

O director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, participou hoxe na reunión da comisión de seguimento das obras do instituto IES Valle-Inclán, de Pontevedra, onde se analizou o avance dos traballos co fin de que todas as aulas estean operativas para o inicio do curso escolar en setembro. 

Segundo expuxeron os técnicos que participaron na xuntanza, nestes momentos xa están rematadas as obras das cubertas planificadas para a primeira e a segunda fase, o que supuxo actuar nunha superficie de 1.700 metros, que representa o 74% dos 2.300 metros totais de teito. 

Agora durante a época estival estanse desenvolvendo as actuacións das cubertas previstas nas fases terceira e cuarta. Paralelamente, no interior do edificio estase traballando na segunda e terceira fase e desde a próxima semana comezarase coa montaxe da carpintaría exterior ata completar todas as fachadas do centro. 

Por outra parte está previsto que a próxima semana se proceda á retirada de todas as pizarras e conexións dixitais das aulas móbiles do exterior e posteriormente, iniciar a desmontaxe das mesmas co obxectivo de que a mediados de xullo quede xa libre o espazo frontal do instituto. Xa en setembro, coas aulas completamente habilitadas e reformadas, iniciaranse as obras da zona administrativa do centro. 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional inviste un total de 4,7M€ nesta rehabilitación integral da que é a maior obra que se está realizando nestes momentos nun centro educativo galego. A intervención arrancou a mediados de setembro do ano pasado e prevese que estea totalmente rematada a comezos de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024