O Servizo Galego de Saúde garante o dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo en centros públicos das sete áreas sanitarias

Ata a semana 22 de embarazo a interrupción pódese realizar en todas as áreas sanitarias

Nos casos de interrupcións voluntarias por riba das 22 semanas, considerados de alta complexidade, Galicia realízaas todas en tres hospitais públicos de referencia

Garántese tamén o dereito das mulleres a escoller un centro concertado, sexa por privacidade ou para evitar demoras ao ser un procedemento sanitario urxente

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, trasladou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, que a sanidade pública galega garante a posibilidade de realizar interrupcións voluntarias do embarazo en todas as áreas sanitarias e en todos os períodos de xestación e modalidades autorizadas pola lei.

En concreto, os casos de máis de 22 semanas, de maior complexidade, son asumidos por tres hospitais públicos como son o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o Complexo Hospitalario de Ourense e o Complexo Hospitalario da Coruña. Entre as 14 e as 22 semanas pódense realizar nos hospitais públicos das sete áreas sanitarias e, antes das 14 semanas de xestación, a interrupción voluntaria do embarazo préstase nun centro da rede pública galega ou nunha das clínicas autorizadas polo Sergas dado que a lei contempla que as mulleres teñan dereito a escoller un centro con cargo á sanidade pública por motivos de privacidade ou para evitar demoras por considerarse un procedemento sanitario de urxencia. 

Durante a intervención do director xeral de Asistencia Sanitaria, en alusión á derivación a Vigo dunha muller de Lugo, sinalou que se tratou dun único caso puntual e xustificado. “Todas as galegas, sexan de Lugo ou doutro lugar, teñen garantido este dereito e cúmprese integramente dentro da comunidade autónoma”, sinalou Alfredo Silva.

Como mostra do incremento progresivo desta prestación en centros públicos, o director xeral sinalou que en 2022 as interrupcións voluntarias do embarazo realizadas na área sanitaria de Lugo en centros propios era do 59 % (un total de 198) e que o pasado ano se incrementaron ata o 78 % (270).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024