María José Gómez destaca a elaboración do Plan de fomento das masas de coníferas na clausura do Padroado da Fundación Arume

A conselleira avanzou que se está a formular o Plan estratéxico de fomento e xestión das masas de coníferas xunto coas universidades de Santiago e Vigo, para promover esta especie considerando aspectos económicos, ambientais e de sustentabilidade

Recoñeceu tamén o labor levado a cabo por esta asociación cuxo fin está centrado no fomento e desenvolvemento do piñeiro en Galicia

Boqueixón (A Coruña), 27 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou este mediodía na clausura do Padroado da Fundación Arume, onde puxo en valor a importancia do piñeiro galego, “unha das árbores que nos caracterizan”. Durante a súa intervención, avanzou que se está a formular o Plan estratéxico de fomento e xestión das masas de coníferas, en colaboración coas universidades de Santiago e Vigo. A titular de Medio Rural explicou que este plan nace co fin de promover a xestión sostible das coníferas, considerando aspectos económicos, ambientais e de sustentabilidade social e recalcou que “grazas a traballos coma estes poderemos seguir afondando na posta en valor desta especie”.

Neste acto, celebrado no Centro de Interpretación do Pico Sacro, no concello coruñés de Boqueixón, tamén recoñeceu o labor levado a cabo por esta fundación, cuxo fin está centrado en fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, a través de obxectivos como a potenciación da presenza de coníferas en cantidade e calidade, o fomento da bioeconomía ou a aposta pola innovación e o emprendemento no rural como eixes para impulsar a mellora de toda a cadea de valor do piñeiro.

María José Gómez lembrou que Galicia é referente no sector forestal e afirmou que o 50% da madeira que se corta en España procede da nosa comunidade e que “a cadea forestal-madeira supón preto do 10,9% do PIB galego e a riqueza dos nosos bosques está cifrada en 43.000 millóns de euros, dos cales o 20% corresponden a coníferas como o piñeiro”.

Así mesmo, salientou que esta situación “é froito do esforzo e a dedicación de todas as persoas que traballan neste sector e de entidades como a Fundación Arume, así como do labor desenvolvido por parte da Xunta para consolidar este eido como un referente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024