A Escola Galega de Saúde Pública promove a seguridade alimentaria en Lugo formando a 55 novos cazadores

Organiza esta actividade en coordinación coas consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Medio Rural e en colaboración coa Federación Galega de Caza

A iniciativa ten como obxectivo obter a credencial como persoa cazadora con formación mediante a acreditación dos coñecementos detallados na normativa

A Consellería de Sanidade traballa con este tipo de actuacións nos obxectivos da mesma como é o fomento da formación en materia de saúde pública na sociedade

Lugo, 27 de xuño de 2024

Un total de 55 persoas cazadoras da provincia de Lugo asistiron esta mañá a una nova edición do Curso de persoa cazadora con formación, e coas que as consellerías de Sanidade, de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Medio Rural promoven a seguridade alimentaria na práctica cinexética da caza maior.

O obxectivo deste curso é obter a credencial que certifica posuír os coñecementos para realizar o control in situ, sanitario e de hixiene das pezas de caza silvestre abatidas, de cara a seren destinadas ao consumo humano.

Así, o Curso de persoa cazadora con formación cumpre cos requirimentos da normativa europea, nacional e autonómica. Os seu programa inclúe catro módulos que se desenvolven ao longo de sete horas, e co que se pretende sensibilizar as persoas cazadoras sobre a importancia que ten a súa actuación desde o punto de vista da seguridade alimentaria, da sanidade animal e da sustentabilidade ambiental dentro dun enfoque One Health ou unha soa saúde.

Coa superación deste curso, a persoa cazadora formada estará habilitada para facer o primeiro exame da peza abatida, distinguindo se ésta e as súas vísceras teñen un aspecto normal ou pola contra presentan anormalidades que poden xerar dúbidas da posible inocuidade da carne. Unhas boas prácticas á hora do manexo das pezas de caza maior vai favorecer a seguridade alimentaria da carne para consumo humano.

Controis sanitarios

En Galicia, toda a carne de caza maior para a súa comercialización, debe pasar por unha sala de tratamento de carne de caza (establecemento autorizado e inscrito no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos) e alí é sometida aos controis sanitarios realizados polo Servizo Veterinario Oficial, quen ditamina a súa aptitude para o consumo garantindo a seguridade alimentaria. Tras unha serie de controis sobre os documentos que deben levar as pezas e sobre a identificación, proceden a realizar unha inspección da canle que inclúe a análise de detección da triquina, todo en base á normativa europea.

No caso da carne de caza maior que se destina a autoconsumo, tamén é necesario que se realice un control sanitario para poder ser consumida na contorna familiar. Neste caso, este labor é realizado polas persoas veterinarias autorizadas en actividades cinexéticas que proceden a realizar unha inspección post mortem.

Así mesmo, esta actividade vai aumentar a formación específica en sanidade animal das persoas cazadoras, incidindo en que os brotes de enfermidades tamén poderían ter un impacto negativo no medio ambiente e na sanidade animal en animais domésticos e fauna silvestre, non só polos problemas de eliminación dos subprodutos, senón tamén polas súas consecuencias para a biodiversidade.

Esta actividade, organizada pola Escola Galega de Saúde Pública, encádrase dentro dos obxectivos da mesma como é o fomento da formación en materia de saúde pública na sociedade. O número de prazas ofertadas nesta  edición é de 55, e,  debido á acollida, realizaranse novas edicións durante o ano 2024, co obxectivo de que todas as persoas cazadoras que así o soliciten poidan acceder a esta formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024