A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, informou hoxe no Parlamento de Galicia sobre o funcionamento deste servizo

Sanidade salienta a calidade dos servizos de transporte sanitario aéreo urxente que funcionan todos os días do ano

A Central da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 realiza unha supervisión continúa das necesidades sanitarias que require cada emerxencia

A Xunta reforzou no último concurso os recursos humanos e materiais do transporte sanitario urxente terrestre con seis novas unidades de soporte vital avanzado e unha de soporte vital básico

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, salientou esta mañá no Parlamento de Galicia a calidade do servizo de transporte sanitario aéreo urxente co que conta o sistema sanitario público galego.

Durante a súa intervención na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, Lobato destacou o importante labor que desempeñan os dous helicópteros cos que conta a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061, para aquelas intervencións que requiren dunha actuación rápida e inmediata.

Así, explicou que o contrato asinado pola Fundación 061 o pasado 18 de marzo, seguirá a garantir a prestación dun servizo público considerado esencial e que, durante o vindeiros 3 anos, as bases de Santiago de Compostela e Barbadás (Ourense), contarán cos recursos materiais e humanos para dar unha axeitada cobertura ás necesidades sanitarias que se presenten.

“O período do servizo será todos os días do ano entre o orto e o solpor” sinalou Lobato, ao tempo que precisou que ambas aeronaves poderán prestar os seus servizos e ser requiridas no conxunto do territorio galego.

Nesta liña, a secretaría xeral da Consellería de Sanidade apuntou que a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias-061 realiza un exhaustivo seguimento á correcta execución do contrato, avaliando dun xeito continuo que a empresa adxudicataria cumpra todas e cada unha das súas condicións, e iniciando o correspondente procedemento en caso de detectar algunha incidencia.

Reforzo do transporte sanitario urxente terrestre

A responsable da Consellería de Sanidade tamén puxo en valor as importantes melloras que rexistrou o servizo sanitario urxente terrestre nos últimos anos. Así, lembrou que o último concurso supuxo o incremento de: 4 unidades de soporte vital avanzado de enfermería con base na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo; 2 unidades de soporte vital avanzado medicalizadas (operativas 24 horas) con base na comarca do Salnés e en Monforte de Lemos; ou a unidade de soporte vital básico con base en Carballiño.

Ademais, remarcou a ampliación de 8 a 24 horas do servizo das dúas ambulancias convencionais con base en Pedrafita e no Courel; e tamén do incremento da operatividade das unidades con base en Marín, Ponteareas e Baiona; operativas actualmente as 24 horas.

Así, pechou a súa intervención destacando que Galicia, a diferencia da maioría de Comunidades Autónomas, conta con persoal sanitario especializado para facer un seguimento continuo de cada caso desde a Central de Coordinación. Por este motivo, todas as intervención teñen garantida a atención sanitaria coa máis absoluta inmediatez.

“A Atención Sanitaria Urxente non só consiste en canto á rapidez coa que pode chegar un servizo, senón que consiste en dar un tratamento axeitado á urxencia, e iso conséguese cunha supervisión continua, tal e como como fan os nosos sanitarios en cada urxencia” concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024