A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á clausura da Asemblea xeral de Pymar

Lorenzana agradece a Pymar as súas achegas para elaborar o plan director do sector naval de Galicia

Lembra que, xunto coa automoción, o sector naval vai ser dos primeiros en contar cun borrador deste plan, comprometido para os primeiros cen días de goberno

“Trátase de traballar nas necesidades futuras que ten este sector desde o punto de vista da competitividade, da diversificación, da internacionalización e do talento humano que se precisa”, indica

Madrid, 27 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á clausura da Asemblea Xeral de Pymar, a quen agradeceu as súas achegas para elaborar o plan director do sector naval de Galicia, cuxo borrador se prevé que sexa presentado nas vindeiras semanas.

Lorenzana lembrou que, xunto coa automoción, o sector naval vai ser un dos dous sectores declarados estratéxicos polo Consello da Xunta do pasado 29 de febreiro que vai contar cun borrador do seu respectivo plan director comprometidos, ambos os dous, para os primeiros cen días de Goberno.

“Trátase de traballar nas necesidades futuras que ten este sector desde o punto de vista da competitividade, da diversificación, da internacionalización e do talento humano que se precisa”, indicou a Conselleira, que fixo fincapé nos apoios concretos aos investimentos que precisan os estaleiros, as fontes renovables e ao obxectivo da  diversificación.

Do mesmo xeito, tamén se referiu ao traballo que a Consellería de Economía e Industria está a facer en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para artellar a parte do  plan relativa a formación de acordo ás necesidades que traslada a cadea de valor do sector.

Actualmente Pymar agrupa 16 estaleiros en toda España, seis deles galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024