A Xunta acorda co estado a creación dun grupo de traballo para poder avanzar na concreción de obras, prazos e investimento do plan director do Corredor Atlántico

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas reuníronse co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible e co comisionado do Goberno central para o Corredor Atlántico

O Goberno galego insistiu na necesidade dun maior compromiso con Galicia e demandou o documento para poder avalialo

Manifestou a súa preocupación por que o Ministerio cuestione o remate das obras do AVE con Portugal para 2032 e pediu proactividade no cumprimento dos trámites para manter o horizonte previsto polo país luso 

Diego Calvo incidiu na prioridade de obras ferroviarias como a saída sur de Vigo ou a inclusión na rede básica do eixe A Coruña- Ferrol e Ferrol-Lugo-Monforte

María Martínez Allegue, propuxo ao secretario de Estado crear dous grupos de traballo, un para abordar as actuacións en Galicia, e outro específico para afondar na situación da AP-9

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, insistiron hoxe na necesidade dun maior compromiso do Goberno central co Plan director do Corredor Atlántico, tras manter unha xuntanza co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, e co comisionado do Goberno central para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, na que non se achegaron datos das obras, prazos e investimentos previstos. Na xuntanza participou tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Diego Calvo agradeceu a dispoñibilidade de José Antonio Santano para participar nunha xuntanza, solicitada en reiteradas ocasións polo Goberno galego tras o nomeamento de Sebastián. Nela o secretario de Estado comprometeuse a remitir o Plan director para poder facer unha valoración do que integra. Nesta liña, acordouse tamén a creación dun grupo de traballo técnico entre Xunta e Estado para avanzar nos proxectos previstos e analizar as necesidades detectadas.

Ademais, a Xunta entregoulles aos representantes do Goberno central o documento da Estratexia integral de optimización loxística, deseñada en colaboración co Clúster da Función Loxística de Galicia e que recolle o conxunto de infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico, considerado polo Goberno galego como unha rede estratéxica.

No que se refire ao financiamento, a Xunta lembrou que os estudos previos realizados por Galicia, Asturias e Castela e León fixaban un investimento para o corredor de 8.000 millóns de euros en novas infraestruturas para ferrocarril de mercadorías, un cifra moi afastada dos 4.700 millóns de euros propostos polo Goberno central dos que ademais, a metade xa están executados.

Ambos os conselleiros trasladáronlles aos representantes do Goberno central as necesidades de Galicia no sector ferroviario e en infraestruturas. Así, Diego Calvo incidiu na necesidade de incluír dentro da rede básica do Corredor Atlántico o eixe A Coruña-Ferrol e Ferrol-Lugo-Monforte de Lemos con horizonte 2030. Sinalou tamén como prioritaria a saída sur de Vigo, tanto para execución da conexión ferroviaria da terminal de Bouzas, esencial para o futuro do porto desta cidade, como para a conexión do AVE con Portugal. Con respecto a esta última, manifestou a preocupación por que o Goberno de España trasladase que vai en tempo, cuestionando que Portugal remate as obras en 2032. O conselleiro pediu proactividade no cumprimento dos trámites para manter o horizonte previsto.

Por outra banda, Diego Calvo esixiu tamén explicacións e solucións ás constantes incidencias rexistradas nos servizos ferroviarios galegos, tanto nos recentemente estreados trens Avril como nos de media distancia, onde non se recuperaron as frecuencias tras a pandemia e se rexistran continuos retrasos. Como resposta, o secretario de Estado comprometeuse a designar un interlocutor en Renfe para proporcionar información sobre as incidencias que se produzan.

Demandas en infraestruturas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue entregou un documento con todas as demandas en materia de infraestruturas.

En relación coa AP-9, reiterou a necesidade de que o Executivo estatal achegue información transparente sobre o procedemento de infracción da prórroga da concesión. Demandou tamén ao Ministerio que facilite a transferencia a Galicia desta infraestrutura estatal.

Reclamou ao Ministerio unha planificación clara das actuacións do Goberno en Galicia, especialmente nas que se refire aos grandes eixes. Así, tamén instou a coñecer as previsións para a posta en servizo completa dos viadutos da A-6; ou concreción para o remate do tramo da A-54 entre Arzúa e Melide. Tamén esixiu previsións reais sobre a A-52, pediu axilidade no impulso da A-74 na Mariña, ao tempo que reclamou información sobre a A-56 e a A-76.

O secretario de Estado, que emprazou a unha nova reunión no mes de setembro, comprometeuse a rematar o tramo da A-54 Melide-Palas no 2024 e sinalou que o seguinte tramo, Arzúa-Melide, estará rematado no 2025. Respecto a A-52 (Vigo-O Porriño), a autovía da Mariña e conexión Ourense-Ponferrada, sinalou que estudarán o documento presentado hoxe con todas as demandas nestas materias, e nesa reunión de traballo estudarían as alternativas.

Santano comprometeuse a aplicar as bonificacións na AP-53, que a Xunta leva  tempo demandando ao ser a única autoestrada estatal en España sen bonificacións. A reunión para esta cuestión levarase a cabo en setembro, entre o  director xeral da Axencia de infraestruturas e o director general de Carreteras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024