A Xunta financia o derribo dunha antiga construcción en ruínas fronte á Capela de Santo Domingo, en Dozón, para construír unha área de descanso para peregrinos

As obras serán posibles grazas á subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas, que deixou en Dozón 30.000 euros

Estas axudas contan cun orzamento de dous millóns de euros e benefician a 66 concellos en toda Galicia, nove deles da provincia de Pontevedra

Dozón (Pontevedra), 27 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a contorna da Capela do Alto de Santo Domingo, en Dozón. Alí o concello pretende derribar unha antiga construción en ruínas fronte á capela, para instalar unha zona de descanso que será utilizada principalmente polos peregrinos da Vía da Prata.

A actuación será posible grazas a unha axuda de Turismo de Galicia de 30.000 euros que se encadra dentro das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

O delegado territorial aproveitou tamén para visitar os resultados das obras de mellora da contorna do mosteiro de San Pedro de Vilanova, que foron realizadas grazas á convocatoria do ano pasado.

A convocatoria deste ano conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros en toda Galicia, que beneficiará a un total de 66 concellos, nove deles na provincia de Pontevedra.

Acompañado polo alcalde de Dozón, Adolfo Campos, Reguera felicitou ao alcalde pola decisión tomada que “de seguro mellorará a imaxe da zona”. Pola capela situada no Lugar de Santo Domingo, na parroquia de Sanguiñedo, pasan a diario decenas de peregrinos que grazas a esta obra poderán “pararse a descansar e gozar das vistas e da natureza deste concello”.

Data de actualización: 27/06/2024