O Servizo Galego de Saúde defende a eficiencia da organización para garantir a mellor atención de urxencias aos veciños do Morrazo

O xerente do Servizo Galego de Saúde explica no Parlamento que se garante unha asistencia sanitaria de calidade segundo criterios obxectivos baseados na evidencia científica

O centro de saúde de Moaña incorporou dous médicos grazas á lei galega para a provisión de postos de difícil cobertura

A comarca do Morrazo conta con cadansúa ambulancia en Moaña, Cangas, Bueu e Marín

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, defendeu hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, a eficiencia do modelo de organización que permite  garantir a mellor atención de urxencias aos veciños do Morrazo.

Neste sentido, o Punto de atención continuada (PAC) de Cangas conta con tres equipos completos de médico e de enfermería, logo de analizar a xerencia da área sanitaria de Vigo e os profesionais do Morrazo a fórmula máis eficiente de atención sobre a base da evidencia científica.

Ademais, en canto á asistencia ante urxencias, a comarca está cuberta cunha ambulancia no Concello de Moaña, unha en Cangas, unha en Bueu e outra máis en Marín.

Sobre a atención primaria ordinaria, o xerente do Sergas lembrou que a lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario permitiu dotar ao centro de saúde de Moaña con dous médicos e outro máis para o centro de saúde de Cangas.

“Os veciños de Moaña teñen que saber que o BNG se opuxo a que o centro de saúde tivera dous novos médicos”, sinalou José Ramón Parada ao referirse ao voto en contra do grupo nacionalista á lei promovida polo Goberno galego.

Así mesmo, dentro do Plan de necesidades sanitarias para Cangas e Moaña elaborado pola Xunta, o Servizo Galego de Saúde contempla a creación dun Centro Integral de Saúde na zona canguesa da Rúa para ampliar a carteira de servizos de atención primaria na comarca. Polo momento, o Goberno galego agarda que o Concello de Cangas facilite os terreos onde poder edificar a nova infraestrutura do Morrazo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024