Xosé Merelles destaca o valor diferenciador das Covas de Valdeorras dentro da oferta enoturística de Galicia

O director de Turismo de Galicia asiste á presentación en Santiago de Compostela dun documental centrado nestes espazos vitivinícolas

Santiago de Compostela (A Coruña), 27 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, referiuse ás covas de Valdeorras como un recurso turístico de “primeira orde” diferenciador e “enormemente poderoso para axudarnos a desestacionalizar o turismo en Galicia”. Xosé Merelles participou esta tarde na presentación do documental ‘Covas de Valdeorras’, de Cristina da Torre, promovido pola Ruta do Viño de Valdeorras.

Nun acto celebrado na sala NUMAX, en Santiago de Compostela, o director de Turismo de Galicia eloxiou a produción deste tipo de recursos divulgativos e puxo en valor o feito de que se centre, neste caso, nas covas, uns espazos tradicionais que conceden identidade y carácter diferenciador á proposta enoturística de Galicia. Neste sentido, Xosé Merelles subliñou que “o enoturismo tense revelado como un atractivo enormemente poderoso para axudarnos a desestacionalizar o turismo en Galicia”.

Plan Territorial de Sustentabilidade

Así, o director de Turismo de Galicia destacou a importancia do enoturismo e a enogastronomía no que atinxe á difusión e promoción da oferta turística da Comunidade. Precisamente, nesta liña atópase o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia, que conta con fondos europeos Next Generation e que suporá actuacións en 80 concellos de Galicia.

Ademais, Xosé Merelles quixo lembrar tamén nas liñas de apoio ao enoturismo, as axudas ao embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas para que poñan en marcha proxectos vinculados a recursos enogastronómicos, nas que a Xunta inviste 5,5M€, ás que se engaden as de creación de novos establecementos turísticos de aloxamento e restauración que leven asociados a posta en valor da enogastronomía de Galicia con 2,5M€.

Referíndose á autora do documental, o director de Turismo de Galicia manifestou que “soubo condensar e transmitir o mellor dun dos nosos tesouros” ao reflectir a súa historia e a importancia como adegas subterráneas na elaboración e conservación do viños deste territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024