Un estudo de contabilidade social estima en 23,6 millóns de euros o beneficio anual que a Cidade da Cultura xera á sociedade

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanza que, segundo o informe, por cada euro de investimento público o Gaiás xera 2,04 euros

A análise, presentada ao padroado da Fundación Cidade da Cultura, foi levada a cabo en colaboración coa Universidade de Deusto

A contabilidade social completa a contabilidade tradicional cunha estimación do valor daqueles servizos que non teñen prezo pero xeran un impacto positivo na cidadanía

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, vén de presentar ao padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia os resultados do novo estudo de Contabilidade Social do Gaiás, informe no que se estima en 23,6 millóns o beneficio que o Gaiás xerá a sociedade.

“Por por cada euro de investimento público, o Gaiás está a xerar un beneficio de 2,04 euros”, subliñou López Campos, destacando que este informe foi elaborado en colaboración coa Deusto Business School da Universidade de Deusto, seguindo un modelo desenvolvido e avalado polo Centro Internacional de Investigación e Información sobre Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC).

Segundo o titular de Cultura do Goberno galego, estas cifras achegan “unha imaxe máis completa do papel que o Gaiás está a xogar para Galicia”, ao sumar ao balance da contabilidade tradicional o valor que se está a xerar a través de cuestións que están fóra do mercado, como pode ser as actividades culturais de balde, a oferta formativa, os espazos de estudo e investigación da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, a cesión das instalacións para organizar eventos, as áreas verdes de lecer, etc...

Tendencia positiva

As conclusións deste estudo, que se realizou tomando os datos do 2022, confirman unha mellora respecto aos datos do primeiro informe de Contabilidade Social do Gaiás, que se fixo tomando datos de 2019. Naquel estudo, por cada euro de investimento público, a Cidade da Cultura achegaba 1,85 á sociedade, agora este retorno elévase a 2,04, o que supón que o valor xerado duplica o investimento público.

O que fai a contabilidade social é traducir a cifras o valor que unha organización crea na súa contorna, sempre no que respecta a variables que, por non teren un prezo, non se reflicten na contabilidade tradicional, pese a que si son percibidas como valiosas pola cidadanía.

O estudo identifica unha serie de colectivos aos que a Cidade da Cultura lles está a aportar valor: sector cultural, sector educativo, persoas usuarias e visitantes, institucións públicas, colectivos residentes, provedores de servizos, sector turístico, traballadores, etc. Durante o proceso de avaliación realizáronse unha serie de entrevistas ou cuestionarios a estes colectivos, de cara a identificar en que eidos a Cidade da Cultura lles aporta valor. Deste xeito, determinouse que a xeración de coñecemento e divulgación da cultura é un dos eixos de actuación máis valorados do Gaiás, pero non o único, destacando tamén a atracción de programación externa, a formación e programa orientados ao crecemento profesional, a integración comunitaria ou a oferta de ocio de calidade.

Valor social integrado

A través da metodoloxía de Deusto, que emprega indicadores de aproximación –proxys–, o informe traduce a euros o valor daquelas variables polas que non se paga un prezo, como os espazos de estudo e investigación que ofrece a Biblioteca de Galicia, a programación expositiva e de eventos culturais, a oferta de ocio e lecer dos espazos naturais ou o viveiro empresarial do Centro de Emprendemento, entre outras. Así, cuantifícase o valor destas aportacións cifrándoo en 9,7 millóns. Este é o que se considera valor de non mercado.

Por outra banda, temos o valor de mercado, é dicir, o que xa recolle a contabilidade clásica. Neste caso, 13,9 millóns de euros que se corresponden co que xera a Cidade da Cultura a través da venda de entradas, contratos a artistas e provedores, pago de impostos, aluguer de espazos, etc.

A suma dos 9,7 millóns de euros de valor de non mercado e dos 13,9 millóns de valor de mercado conclúe que o valor social integrado que a Cidade da Cultura achega á sociedade é de 23,6 millóns, o que significa que por cada euro de investimento público recibida, o complexo ofrece un retorno de 2,04 euros para a sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024