O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou o importante labor dos profesionais dos Servizos de Educación e Apoio Familiar

A Xunta inaugura unha xornada sobre protección infantil organizada polo CEESG

Arredor de 60 participantes recibiron formación sobre a utilización de ferramentas de valoración, a aplicación de protocolos de intervención e a coordinación entre os distintos recursos

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou a xornada técnica organizada polo Colexio de Educadores e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) sobre a abordaxe coordinada da protección infantil dende os Servizos de Educación e Apoio Familiar (SEAF) e os equipos técnicos de menores.

Na súa intervención, o director xeral quixo destacar o importante labor que desenvolven os profesionais destes servizos. Os SEAF encárganse de previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social nas familias e unidades de convivencia, con especial atención aos menores de idade, ademais de intervir naqueles casos nos que resulte necesario.

Na xornada participaron arredor de 60 profesionais destes espazos, entre educadores sociais, psicólogos, pedagogos, psicopedagogos e traballadores sociais. Persoal técnico da consellería de Política Social e Igualdade ofreceulles formación de utilidade para abordar as súas tarefas diarias. Entre elas, o instrumento Valora –para avaliar as situacións de desprotección infantil–, os protocolos de intervención e a coordinación efectiva entre os distintos recursos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024