Villares avoga por unha descarbonización da frota asumible para o sector e baixo os criterios de competitividade e de respecto ao medio ambiente

A Consellería está a colaborar coa UDC, a Fundación Marlnnleg, o Clúster Naval galego e a Bretaña francesa nunha programación de futuro e cuxas propostas serán enviadas a Bruxelas para garantir unha descarbonización gradual, equilibrada e viable

O titular autonómico reclama á Comisión Europea os recursos financieiros necesarios para incentivar esta revolución tecnolóxica e impulsar as modificacións necesarias nunha frota que só en Galicia, a máis relevante da UE, está composta por 4.200 buques

A Autoridade Portuaria de Vigo está liderando esta transición con iniciativas como o deseño dunha ferramenta de análise para aumentar a capacidade de pesca con novos combustibles ou coa actualización do Sistema Educativo Europeo

Vigo, 27 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, avoga porque a descarbonización da frota se faga de forma gradual, realista e asumible polo sector de acorde coas súas posibilidades, baixo os criterios de respecto ao medio ambiente e de competitividade. Así o expuxo no marco da xornada sobre o proceso de abordaxe da remisión de emisións de carbono, organizada pola Consellería con motivo do Día Marítimo Europeo, e que se desenvolveu este xoves a bordo do Hidria II, situado en Vigo. Alfonso Villares estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Galicia únese así a esta iniciativa que se celebra en todas as concas marítimas da Unión Europea e na que os temas principais son as transición enerxética e a economía azul, no marco do Pacto Verde Europeo. Tal é así que a Consellería do Mar ven colaborando coa Universidade da Coruña, a Fundación Marlnnleg, o Clúster Naval de Galicia e a Bretaña francesa, para abordar este asunto cunha programación de futuro, de forma que as propostas serán enviadas a Bruxelas para garantir unha descarbonización da frota gradual, equilibrada e viable.

Galicia, líder en Europa

Precisamente, a nosa comunidade por ser líder en Europa en pesca e cultivos mariños, tamén será a zona de toda a UE que maiores recursos económicos necesite para realizar este tránsito. É por iso que dende a Xunta de Galicia se ven reclamando á Comisión Europea os recursos financieiros necesarios para incentivar esta revolución tecnolóxica e impulsar as modificacións necesarias nunha frota que só en Galicia, a máis relevante da UE, está composta por 4.200 buques.

Por iso, combater o cambio climático e reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera en 2030 e eliminalas en 2050 é un obxectivo común da UE, da ONU e da comunidade autónoma. Aínda que a actividade da flota pesqueira só xera entre o 0,1% e 0,5% dos gases de efecto invernadoiro procedentes de combustibles fósiles, o sector quere contribuír á consecución deste obxectivo. Para cumprir este cometido, necesita acometer a renovación da frota e, para este proceso, precisa opcións tecnolóxicas alternativas ás tradicionais.

E neste compromiso, a Autoridade Portuaria de Vigo, segundo destacou o conselleiro, está liderando esta transición co deseño dunha ferramenta de análise para aumentar a capacidade de pesca con novos combustibles, a construción dunha embarcación eléctrica de pequeno tamaño ou a actualización do Sistema Educativo Europeo vinculado á náutica e a pesca con novas tecnoloxías.

A economía azul, unha oportunidade para Galicia

Os sectores tradicionais da economía azul galega xeran en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e uns 4,5 millóns de empregos. Este modelo económico é, por tanto, unha gran oportunidade para Galicia. É a folla de ruta a seguir para impulsar aqueles avances tecnolóxicos nos sectores que viven do mar e que contribúen ao proceso de descarbonización do sector mar-industria; un conxunto de actuacións que propiciarán un salto económico da man dunha transición xusta e sostible para o sector mar-industria, dirixidas a alcanzar a neutralidade climática, a descarbonización do transporte marítimo e da actividade pesqueira e marisqueira, e a consecución de portos máis ecolóxicos. En definitiva, un traballo realizado no marco do Pacto Verde Europeo, para impulsar a transición cara unha economía sostible e libre de carbono.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/06/2024