O presidente da Xunta asiste á inauguración da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

Rueda destaca que Galicia é pioneira en medidas para promover o retorno da colectividade no exterior

Salienta a Estratexia Galicia Retorna, posta en marcha polo Goberno galego co obxectivo de facilitar o regreso de 30.000 persoas ata 2026

Agradece o traballo diario dos representantes da colectividade na diáspora e subliña a importancia de seguir colaborando para atender as súas necesidades

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o papel pioneiro de Galicia na posta en marcha de medidas para promover o retorno da colectividade no exterior, poñendo como exemplo a Estratexia Galicia Retorna, que, tal e como salientou, ten contribuído a que a cifra de poboación da comunidade medrase en 2022 e 2023 despois de anos de descenso, compensando así o saldo vexetativo negativo.

Así o indicou durante a inauguración da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, no que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración. Na súa intervención, Rueda quixo agradecer o labor diario dos representantes da colectividade no exterior e subliñou a importancia de seguir traballando man a man para atender as necesidades dos galegos na diáspora.

“Sodes os mellores embaixadores que temos, e sodes unha parte de Galicia e de España alí onde estades”, sinalou o presidente da Xunta, facendo referencia ao labor que realizan os galegos no exterior tanto no tocante á conservación das raíces culturais como á “axuda social aos galegos que máis o seguen necesitando”.

A Estratexia Galicia Retorna xa facilitou o regreso de 28.000 persoas na súa primeira edición e agora busca facilitar o regreso doutras 30.000 ata 2026. Esta iniciativa, dotada con 450 millóns de euros, inclúe unha ampla gama de apoios, como bolsas para cursar un máster ou un ciclo de FP a partir de 2025 e que se complementarán coas novas axudas para poder vir a Galicia a estudar un grao.

Así mesmo, tamén contempla axudas extraordinarias para cubrir os gastos do retorno; un programa específico para ofrecer emprego de calidade (Retorna Cualifica Emprego); medidas para axudar a emprender; ou unha rede de oficinas de atención ao retornado para asesorar sobre vivenda, sanidade, educación ou emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024