Belén do Campo supervisa o inicio das obras de mellora da seguridade viaria peonil na estrada autonómica AC-445, ao seu paso pola recta da Anchoa, no concello de Fisterra

Trátase da implantación de tres pasos de peóns nesta vía autonómica, nos puntos quilométricos 11+380, 11+870 e 12+490

Os traballos conta cun investimento de máis de 48.000 € e adecúanse ás necesidades dos distintos puntos deste tramo da vía autonómica, coidando o cumprimento da normativa e favorecendo a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida

Todos os pasos peonís disporán de iluminación específica, para unha maior visibilidade

Fisterra (A Coruña), 27 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á diretora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria para os peóns na estrada autonómica AC-455, no tramo coñecido como a recta da Anchoa, no concello de Fisterra. A delegada da Xunta destacou que “con esta actuación mellorarase a seguridade viaria neste tramo reducindo a velocidade dos vehículos dando así resposta a unha demanda veciñal”.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Cernadas S.L. por un investimento autonómico de máis de 48.000 euros, consisten na implantación de tres pasos de peóns nesta vía autonómica, nos puntos quilométricos 11+380, 11+870 e 12+490.

A intervención, que ten en conta a distinta configuración existente nos diferentes puntos onde se implantarán os pasos de peóns, permitirá adecuar as solucións a aplicar nos distintos puntos deste tramo da AC-445, coidando sempre o cumprimento da normativa e favorecendo accesibilidade coa adaptación as persoas con mobilidade reducida.

En concreto, os traballos de habilitación do novo paso de peóns no quilómetro 11+380, terán en conta a existencia de beirarrúas elevadas con bordos pavimentadas con baldosa hidráulica, polo que a solución a executar consiste en replicar dita pavimentación, implantado vaos nas mesmas para o acceso ao paso de peóns e mantendo ademais da calzada unha beiravía mínima de 50 centímetros. Neste caso, as actuacións complementarse coa materialización dun vao para vehículos correspondente a unha entrada, a pavimentar con formigón.

No caso do novo paso de peóns no punto quilométrico 11+870, ao estar a beirarrúa ao mesmo nivel que a calzada, se executará mediante pavimento de formigón, tal e como existe nas marxes da calzada, e incluíndo o pavimento sinalizador.

No caso do novo paso de peóns no quilómetro 12+490, a intervención realizarase cun pavimento de baldosa hidráulica nunha marxe, mentres que na outra marxe ao estar a beirarrúa ao mesmo nivel que a calzada se utilizará un pavimento de formigón en beirarrúas, contando ambas as marxes cun pavimento podotáctil ao ingreso do paso peonil.

Ademais, en todos os pasos de peóns se disporá de iluminación específica, para unha maior visibilidade.

Data de actualización: 27/06/2024