A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nun almorzo-coloquio organizado polo Grupo Nordés

A Xunta salienta que a futura lei de administración ambiental simplificada contribuirá á transición cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente

Ángeles Vázquez subliña que con este proxecto lexislativo Galicia quere consolidar a súa posición como referente na transición enerxética e na descarbonización

Avoga pola colaboración entre administracións públicas, tecido empresarial e cidadanía para seguir avanzando na acción climática, no impulso á economía verde coa creación de novos empregos e na cohesión social e territorial

A Coruña, 27 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia salienta que a futura Lei de administración ambiental simplificada contribuirá á transición cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente.

De feito, segundo subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no foro Os retos da transición enerxética en Galicia e a situación dos Certificados de Aforro Enerxético, que organizou o Grupo Nordés, a futura normativa pretende reforzar a seguridade xurídica dos proxectos para garantir o imprescindible equilibrio entre o desenvolvemento de proxectos e a protección do medio natural.

A maiores, Ángeles Vázquez explicou que a lei que prepara o Goberno galego, e que se atopa na actualidade en proceso de consulta pública previa, ten como obxectivos unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos.

Con este proxecto lexislativo Galicia quere consolidar a súa posición como referente na transición enerxética e na descarbonización, un proceso no que, como lembrou a conselleira, “temos unha boa parte dos deberes feitos”. Así, puxo como exemplo tanto que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (33%) como o feito de que no primeiro cuadrimestre do ano a xeración renovable acadou por primeira vez o 89,2% de toda a electricidade que se produce en Galicia.

E para avanzar nesa liña, Ángeles Vázquez avogou pola colaboración entre administracións públicas, tecido empresarial e cidadanía para seguir avanzando na acción climática, no impulso á economía verde coa creación de novos empregos e na cohesión social e territorial.

“Temos a oportunidade de impulsar un proceso de cambio estrutural do noso modelo produtivo que nos permita avanzar cara a unha Galicia competitiva e sostible e consolidar a Comunidade como refuxio climático”, concluíu a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024