A Xunta pon en valor as arredor de 2.400 persoas formadas en colaboración co Clúster TIC Galicia para nutrir este sector clave para a nosa economía

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña na inauguración do ‘Connect & Talent Day’ organizado polo Clúster TIC co apoio da Xunta

Destacou a programación formativa do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, que ofrece máis de 2.300 prazas e case 6.000 horas de cualificación especializada nas novas tecnoloxías da información e comunicación

Tamén as últimas iniciativas aprobadas e publicadas apostando pola flexibilidade e polas formacións de curta duración adaptadas ás necesidades do mercado laboral

A Coruña, 27 de xuño de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña na inauguración do Connect & Talent Day organizado polo Clúster TIC Galicia co apoio da Xunta. Alí, destacou a última colaboración coa entidade por 1 millón de euros, para a realización dun cento de cursos nos que participaron arredor de 2.400 persoas.

A directora xeral enmarcou este convenio nos asinados cos principais clústeres galegos e entidades representativas de doce sectores estratéxicos para continuar a impulsar unha formación flexible e axustada á demanda do tecido produtivo, adaptándoa ás transformacións de cada un deles. O obxectivo é promover unha oferta que dea resposta ás necesidades de competencias nun mercado laboral en continuo cambio, especialmente en casos como o das TIC.

Para persoas traballadores ou desempregadas interesadas neste eido económico, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG)  conta ademais cunha programación formativa moi ampla. Así, entre setembro de 2023 e decembro de 2024 a súa planificación inclúe a impartición dun total de 115 cursos cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos.

 Aposta pola formación

Os orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para 2024 destinan un total de 117 millóns ao Plan galego de formación para o emprego, que crece case un 13% respecto de 2023.

Dentro desa aposta, véñense de aprobar no Consello da Xunta axudas para entidades de formación co obxecto de impartir cursos para unhas 18.000 persoas sen traballo cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos. Dáse prioridade ás especialidades máis demandadas polo tecido produtivo, valorándoas tanto a nivel galego como por bisbarras concretas.

Ademais, este martes publicábase a segunda convocatoria do programa Bono Talento Empresa, dotada con 2 millóns de euros, coa que se financian formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades de cada empresa, tendo en conta a esixencia dunha formación profesional permanente e especializada e dunha recualificación constante das persoas traballadoras. As solicitudes de axuda poden presentarse ata o vindeiro 16 de setembro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024