O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Santiago na apertura do Foro Galego de Seguridade e Saúde Laboral da Confederación de Empresarios de Galicia

A Xunta comprométese a ir da man das empresas galegas na implementación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo Horizonte 2027

José González sinalou que só garantindo a saúde da poboación traballadora é posible que o noso tecido produtivo siga dando o mellor de si, sendo exemplo de competitividade e rendibilidade e de prover emprego de calidade

Lembrou a recente posta en marcha coa Universidade de Santiago do Laboratorio de riscos psicosociais, campañas preventivas como a do uso do tractor e iniciativas para identificar mellor enfermidades profesionais como as de mariscadoras e redeiras

Tamén apostou por traballar en coordinación con todos os axentes para abordar o absentismo laboral en Galicia e artellar posibles solucións

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Santiago de Compostela na apertura do Foro Galego de Seguridade e Saúde Laboral, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) co apoio da Xunta. Alí, comprometeuse a ir da man do tecido produtivo da Comunidade para implementar a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo Horizonte 2027 impulsada a finais do ano pasado polo Goberno autonómico.

O conselleiro puxo en valor a cita para compartir experiencias, coñecementos, desafíos e retos sobre as novas perspectivas de contornas laborais, co obxectivo de analizar e de dar resposta aos riscos derivados da transformación dixital, ecolóxica e social. Tomando como referencia a nova Estratexia, amosouse convencido de que só garantindo a saúde da poboación traballadora é posible que as empresas sigan dando o mellor de si, sendo exemplos de competitividade e de rendibilidade.

Tras presidir hoxe mesmo unha xuntanza do Consello Reitor do Issga para facer balance do feito e avanzar accións preventivas e formativas de cara a final de 2024, González sinalou que este novo marco estratéxico persegue avanzar na consolidación da calidade do emprego, sentando as bases para crear contornas de traballo seguras, saudables e sustentables. Erixindo ao nivel de necesidade a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e o benestar laboral, apostou por estar pendente dos riscos derivados das novas formas de traballo. Tamén por adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, á Internet das cousas, aos robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo.

Compromiso da Xunta

Na súa intervención, José González recordou que se vén de poñer en marcha coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) o Laboratorio de riscos psicosociais, para atallar o estrés, a violencia no posto de traballo ou o desgaste profesional. Buscaremos -dixo- aumentar o coñecemento destes riscos, articular as medidas máis axeitadas para previlos e orientar ás empresas e ás persoas traballadoras.

Ao tempo, segundo destacou, consolídanse as campañas orientadas a previr accidentes laborais, como a última relativa ao uso do tractor, a relacionada coas actividades forestais en zonas perigosas ou sobre a instalación de paneis solares en cubertas. Tamén as iniciativas encamiñadas á sensibilización para mellorar a identificación de enfermidades profesionais como as que afectan as mariscadoras e as redeiras.

O titular de Emprego non quixo esquecerse do elevado absentismo laboral que se rexistra especialmente nas pequenas e medianas empresas galegas, facendo fincapé en que a Xunta traballará en coordinación con todos os axentes para abordar este problema estrutural e artellar posibles solucións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024