A Xunta somete a información pública o Plan de xestión do Monumento Natural a Carballa da Rocha

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin durante un mes contado a partir de mañá

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia someterá durante un mes ao procedemento de información pública o proxecto de decreto do Plan de xestión do Monumento Natural A Carballa da Rocha.

Tal e como se recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia, desde mañá, venres, 28 de xuño, e durante un mes poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin.

Con este paso o Goberno galego avanza na tramitación do futuro plan de xestión, que permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é necesario protexer e, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

O novo instrumento de xestión, que terá vixencia indefinida, deberá incluír a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; ou as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais.

Así mesmo, o futuro plan tamén incluirá as normas relativas ao uso público, así como as actividades científicas e educativas a desenvolver; a programación de actuacións a desenvolver; o programa de seguimento; a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa súa declaración.

Cómpre lembrar que este espazo protexido localizado no concello de Rairiz da Veiga, na provincia de Ourense, conta cunha superficie de 0,64 hectáreas e inclúe tanto a Carballa da Rocha, fermoso exemplar de Quercus robur L., que acada os 31,3 m de altura, coma outros carballos de tamén notorias dimensións.

Data de actualización: 27/06/2024