O presidente do Goberno galego participou nunha reunión con representantes do CERMI

Rueda ratifica o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e agradece o traballo das entidades sociais

Destaca a entrada en vigor este ano do concerto social, ao cal a Xunta destina máis de 100 M€ anuais

Nos primeiros 100 días de goberno xa se impulsaron 166 novas prazas públicas de atención á discapacidade e esta mesma semana o Consello da Xunta deu o visto bo ao aumento na orde de axudas para crear máis unidades de atención temperá

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe o traballo levado a cabo por todas as entidades sociais e ratificou o compromiso do Goberno galego coa atención á discapacidade, poñendo como exemplo a entrada en vigor este ano do concerto social. Rueda apuntou que esta iniciativa permite saber “que vai haber unha serie de prazas para atender a discapacidade garantidas pola Xunta de Galicia” e “que ese número vai seguir crecendo”.

Tras manter unha reunión cos representantes galegos do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), na que tamén estivo presente a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o máximo responsable do Goberno galego sinalou que “son importantes os recursos que a Xunta dedica á discapacidade pero somos perfectamente conscientes de que teñen que seguir medrando e de que nunca van ser dabondo”.

O concerto social, ao cal a Xunta destina máis de 100 M€ anuais, supón, entre outras vantaxes, incrementar o importe por cada praza; que as persoas con discapacidade non teñan que desprazarse longas distancias para acceder a unha praza pública; ou dar tranquilidade e continuidade aos recursos que ofrecen as entidades e que son tan necesarios para as familias. 

Galicia cumpre

O titular do Goberno galego manifestoulles o desexo de seguir traballando en conxunto para mellorar a atención e asegurou o apoio da Xunta para achegar os coidados a onde se precisan. A este respecto, nos primeiros 100 días de goberno xa se impulsaron 166 novas prazas públicas de atención á discapacidade e esta mesma semana o Consello da Xunta deu o visto bo ao aumento na orde de axudas para crear máis unidades de atención temperá.

A erradicación de barreiras, o ofrecemento de alternativas de deporte adaptado, os coidados no fogar ou a consolidación do sistema educativo como o máis inclusivo de España son outros dos aspectos nos que está a traballar a Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024