A Xunta avanza co Concello de Santiago na prórroga do convenio da renovación do servizos de transporte urbano á urbanización Os Tilos

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo esta mañá unha reunión co concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, Xan Duro, na que se abordaron os trámites pendentes para reactivar o acordo entre a Xunta e os concello compostelán e o de Teo 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, mantivo esta mañá un encontro de traballo co concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, Xan Duro, no que, entre outros asuntos, se abordou a prórroga do convenio da renovación dos servizos de transporte urbano á urbanización dos Tilos entre a Xunta e o concello compostelán e o de Teo.

O acordo vixente asinouse en 2020 por un período de catro anos polo que agora é preciso levar a cabo de novo a súa renovación. Co inicio do procedemento para a prórroga do convenio dáselle continuidade ás expedicións que vén prestando desde 2015 a  empresa de transporte urbano do Concello de Santiago de Compostela.

As viaxes aos Tilos lévanse a cabo nas mesmas condicións que calquera servizo de transporte urbano, en canto ás tarifas, aos descontos, ás frecuencias, aos horarios ou ás características dos vehículos. Esta conexión en autobús entre a capital galega e a urbanización dos Tilos vénse desenvolvendo mediante a extensión das liñas 6 e 12 do transporte urbano. No marco deste convenio, non se prevé que a prolongación do urbano supoña custos económicos para ningunha das administracións participantes.

Para a súa formalización, resulta preciso que ambos municipios aproben a prórroga nos seus órganos correspondentes para que a Xunta poida iniciar a tramitación.

A Xunta continúa así a mellorar as comunicacións desde o centro de Santiago cara ás parroquias de Teo no marco da actualización continua do Plan de Transporte Público de Galicia. De feito, o pasado abril optimizou dende os horarios dos servizos para facilitar os desprazamentos de Santiago de Compostela ata a parroquia de A Agrela, en Teo, mediante o transbordo na Ramallosa e dando resposta ao conxunto de peticións trasladadas polo Concello e a veciñanza.

Por outra banda, no encontro de hoxe tamén se abordou unha posible cesión de terreos na zona de San Lázaro, da que o concello está a redactar a proposta de convenio, co obxectivo de que a Xunta instale unha nova marquesiña.

Imaxes relacionadas

Documentos relacionados

Data de actualización: 26/06/2024