Así o anunciou o responsable da carteira sanitaria da Xunta en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento

O conselleiro de Sanidade avanza a posta en marcha dun Plan especial de atención á cronicidade con asistencia a domicilio no concello de Cervantes

Gómez Caamaño remarca que a veciñanza de Doiras terá totalmente garantida a asistencia sanitaria durante os meses de verán

Salienta que a sanidade pública medra en recursos, en profesionais e en prestacións

Lamenta a falta de medidas por parte do Goberno central para facilitar a contratación de médicos

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou esta tarde no Parlamento de Galicia a posta en marcha dun Plan de atención á cronicidade con asistencia a domicilio no concello lugués de Cervantes.

Gómez Caamaño puxo en valor a proactividade da Xunta á hora de levar os coidados ata os domicilios dos pacientes, unha medida que incrementa dun xeito significativo o benestar dos pacientes e coa que ademais se reforza o papel do persoal de enfermería no labor asistencial.

O titular da carteira sanitaria da Xunta explicou, ademais, que os veciños de Doiras terán totalmente garantida a asistencia durante este verán pois, desde o vindeiro luns, un facultativo e unha enfermeira prestarán os seus servizos no centro de saúde de saúde de San Román.

Na súa intervención en resposta a unha pregunta parlamentaria, Gómez Caamaño lembrou que Galicia ten neste ano 2024 o orzamento sanitario máis alto da súa historia con máis de 5.000 millóns de euros consignados e ademais dispón do maior número de profesionais contratados, con 43.700 persoas.

“A sanidade pública medra en recursos, en profesionais e en prestacións”, remarcou, ao tempo que lembrou as 135 actuacións que leva realizadas o Executivo galego para a  mellora das infraestruturas de atención primaria.

Detallou que moitas destas actuacións corresponden á provincia de Lugo, como é o caso do Centro Integral de Saúde do barrio da residencia, o primeiro CIS que se puxo en funcionamento en Galicia; ou a construción do novo centro de saúde de Escairón. Ademais puxo en valor os proxectos que están a impulsar en Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo ou Outeiro de Rei, entre outros.

Pasividade do Ministerio de Sanidade

Gómez Caamaño lamentou a pasividade do Ministerio de Sanidade á hora de adoptar medidas para paliar o déficit de facultativos que sofre a totalidade do Sistema Nacional de Saúde.

Así, reiterou que é preciso que o Goberno de España adopte medidas que permitan darlle unha solución á falta de médicos.

Entre outras, citou a necesidade de que se modifique o sistema MIR para facilitar a formación de máis especialistas; a necesidade de axilizar a homologación de títulos dos médicos estranxeiros; ou que se habilite a posibilidade de que os médicos poidan ampliar ata os 72 anos a súa idade de xubilación.

“Ao tratarse dun problema común, precisamos dunha resposta común”, incidiu Caamaño, ao tempo que  salientou os 12,5 millóns de euros que a Xunta destinará a reforzar a asistencia sanitaria durante o verán; ou as 657 prazas que a Xunta ofertará este  ano, no que atinxe á formación sanitaria especializada, a máis alta da historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024