A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliña que a Xunta non cederá no empeño por acadar unha AP-9 galega e esixirá que se cumpran os compromisos do PSOE e BNG sobre a gratuidade desta autoestrada e da AP-53

Martínez Allegue demanda vontade política para afrontar a transferencia da AP-9 como demanda unánime de Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

“A transferencia da AP-9 a Galicia é, sobre todo, unha cuestión de vontade política”. Así o reivindicou hoxe na súa intervención no Parlamento galego a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen reclamou “transparencia” ao Goberno central sobre sobre a súa postura con respecto ao traspaso e subliñou que a Xunta “non vai seguir tolerando o teatro e as promesas baleiras” e que o Goberno central “siga facendo de menos a Galicia; siga sen atender as nosas xustas demandas e siga sen cumprir os compromisos adquiridos”.

A conselleira fixo fincapé en que fronte “ao goberno da arbitrariedade, que non ten ningún interese en abordar a transferencia da AP-9 e quere que nos conformemos coas bonificacións”, a posición do Goberno galego respecto da transferencia “non variou nin un ápice e seguiremos a reclamar o que é de xustiza para Galicia”.

Subliñou que a transferencia da AP-9 é “unha lexítima demanda que choca non só coa negativa do Goberno de España, senón coa incongruencia no comportamento do Grupo Socialista, que apoia a demanda nesta Cámara pero se abstén en Madrid”.

Neste senso, a conselleira cualificou de “dantesco” o recente baile de cifras ofrecido polo ministro de Transportes Óscar Puente, a quen acusou de facer “teatro” nas súas visitas a Galicia e de “mesturar o custe da transferencia co do rescate, co pago dos peaxes e lanzar xerras de auga fría sobre o noso dereito a acadar unha AP-9 galega, deixando aos pés dos cabalos ao señor Besteiro e as súas promesas de liberar a peaxe”. “Non hai dereito -dixo- a despachar unha reclamación que levamos facendo desde hai catorce anos cunha frase e unha cifra pouco menos que sacada da manga”.

Allegue lembrou que mentres o Goberno central abre a porta a liberar peaxes noutras comunidades, “para Galicia hai titulares e promesas baleiras”. “Estamos a falar -engadiu- do mais grande agravio comparativo que estamos a sufrir e que lastra a nosa economía e a nosas posibilidades de competir con outros territorios. Abonda xa de desleixo e de escusas e de tratar aos galegos como cidadáns de segunda”.

Deste xeito, esixiu na súa intervención ao Goberno central a elaboración dun “estudo serio e rigoroso do coste real, tanto da transferencia da titularidade como da xestión, así como do rescate da concesión”. Reclamou así mesmo que nese estudo se analicen os termos e condicións da concesión de Audasa, “que levamos tempo denunciando como vantaxosas e economicamente lesivas para os intereses dos galegos”. Así mesmo, cualificou tamén de “lamentable” a falta de información “fiable” sobre a resposta á Comisión Europea sobre a última prórroga da AP-9, afirmando que “toda a información da que dispón o Goberno galego ven dos medios de comunicación”.

Estudo da Xunta

Porén, a Xunta xa encargou o seu propio estudo, “aínda que sexa coa pouca información de que dispoñemos, porque o que temos claro é que non podemos confiar nun goberno que, sen datos e sen sentarse sequera a falar, xa desbota a posibilidade de acadar esta transferencia”.

Ademais de “non ceder no empeño por acadar unha AP-9 galega”, acompañada “tanto dos recursos necesarios para a súa correcta explotación, como dos investimentos precisos para levar a cabo as obras pendentes”, a conselleira recalcou que a Xunta seguirá a esixir que se cumpran os compromisos adquiridos tanto PSOE como o BNG “que prometeron implantar a gratuidade das peaxes das autoestradas estatais AP-9 e AP-53”. Tamén reivindicará a liberación da peaxe da AP-53, de forma que se iguale o percorrido Santiago-Lalín co treito Lalín-Ourense que a Xunta mantén gratuíto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024