Así o adiantou Antonio Gómez Caamaño esta tarde no Pleno do Parlamento

O conselleiro de Sanidade avanza que a Xunta cubrirá con dous facultativos as vacantes no centro de saúde do Valadouro, garantindo a asistencia no verán

Sinala que o Plan de cobertura e reforzos en atención primaria no verán da Xunta permite que un dos médicos residentes que se forma na Mariña axude no verán neste centro de saúde

Sinala que a segunda vacante se cubrirá a partir do mes de xullo e será ofertada despois para a súa cobertura estable a través da lei galega de provisión de postos de difícil cobertura

Remarca o esforzo da Xunta para pór enriba da mesa solucións que garantan a mellor atención sanitaria aos veciños, fronte á inacción do Goberno central

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que o centro de saúde do Valadouro terá este verán cubertas as súas prazas vacantes de facultativos coa incorporación de dous médicos.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento galego, Gómez Caamaño explicou que, tras a xubilación dun profesional do centro de saúde do Valadouro, a Xunta cubrirá nos primeiros días de xullo esa vacante cun médico de familia a tempo completo. Esa praza, ademais, incluirase na convocatoria que a Xunta fará este ano en virtude da lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario.

O conselleiro referiu ademais que, grazas ao Plan de cobertura e reforzo da atención primaria na época estival, ao que a Xunta destina 12,5 millóns de euros, un dos médicos residentes que se está a formar no distrito sanitario da Mariña axudará no verán no centro de saúde do Valadouro para cubrir a segunda praza vacante.

Co obxectivo de mellorar a asistencia sanitaria dunha forma proactiva, o Servizo Galego de Saúde tamén segue a traballar, especialmente con enfermería, no programa de atención a pacientes crónicos.

O conselleiro de Sanidade remarcou o traballo do Goberno galego para garantir unha asistencia sanitaria de calidade tamén no verán e lembrou que é o Goberno de España o responsable de facilitar que haxa médicos que as comunidades autónomas poidan contratar.

Neste sentido, Gómez Caamaño censurou que o Ministerio de Sanidade non atenda as peticións reiteradas feitas por Galicia, entre elas, a petición de modificar o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da medicina ou de mellorar o sistema de elección de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades de medicina de familia.

O conselleiro rematou a súa intervención remarcando que, fronte á inacción do Goberno central, a Xunta pon enriba da mesa solucións co obxectivo de garantir a mellor atención sanitaria posible, tamén aos veciños do Valadouro que, incidiu, este verán disporán de dous facultativos para atender as súas necesidades de asistencia sanitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024