A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu esta tarde a unha pregunta oral sobre loita contra a LGTBIfobia

Fabiola García anuncia a instalación de puntos lila e arcoiris nos principais festivais do verán

A Xunta de Galicia porá este servizo a disposición dos asistentes ao Portamérica, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o Atlantic Fest, o Morriña Fest, o Río Verbena e o Caudal Fest

Máis de medio cento de profesionais do ocio nocturno xa recibiron a formación necesaria para actuar ante agresións sexuais e LGTBIfóbicas e ofrecer asistencia ás vítimas

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha pregunta oral no Parlamento sobre a loita contra a LGTBIfobia. Durante a súa intervención, anunciou que a Xunta de Galicia instalará puntos lila e arcoiris nos principais festivais do verán: Portamérica (Portas), Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, Atlantic Fest (Vilagracía de Arousa), Morriña Fest (A Coruña), Río Verbena (Pontevedra) e Caudal Fest (Lugo). Esta acción levarase a cabo grazas á colaboración da Axencia Turismo de Galicia.

Fabiola García destacou a boa acollida do punto lila e arcoiris do Son do Camiño, en Santiago, que foi o primeiro festival en contar con este servizo. Froito desta experiencia, outros seis eventos das mesmas características contarán con cadanseu punto con actividades para promover a igualdade entre os asistentes, ademais de ofrecer atención especializada e continuada por parte de psicólogas e sexólogas para previr e actuar ante posibles agresións sexuais e LGTBIfóbicas.

Un obxectivo que tamén se persegue nos locais de ocio nocturno. No marco do Protocolo de actuación nestes espazos, máis de medio cento de profesionais do sector xa recibiron a formación necesaria para previr, detectar e responder ante estas situacións e ofrecer ás posibles vítimas a asistencia que necesitan, evitando así a súa revitimización.

A conselleira lembrou que Galicia foi pioneira en 2014 coa aprobación da primeira lei autonómica contra a discriminación das persoas homosexuais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Dende entón, asegurou, o compromiso da Xunta de Galicia con esta causa non fixo máis que intensificarse, cunha nova Lei de igualdade ou a posta en marcha do servizo 028 Arco da Vella.

Fabiola García apuntou, ademais, que dende o ano 2009 o Goberno galego multiplicou por catro o orzamento en materia de igualdade, que este ano ascende ata os 54 millóns de euros. Con respecto ao ano pasado, a Xunta duplicou a partida destinada a apoiar o movemento asociativo LGTBI, a impulsar o Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero, e a reforzar a atención ás persoas LGTBI a través dos CIM, os Centros municipais de Información á Muller.

Fabiola García recoñeceu que aínda queda moito por facer na defensa dos dereitos das persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais e na loita contra calquera tipo de discriminación, pero garantiu o compromiso da Xunta de Galicia con esta causa apostando por máis investimento, máis protección legal, máis sensibilización e máis visibilidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024