A Xunta pon en valor o legado de Camilo José Cela coa iniciativa “Esas nubes que pasan”

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á primeira reunión do proxecto que finalizará cunha intervención artística ao carón do museo de Iria Flavia

A proposta conta coa participación do colectivo Cestola na Cachola, o escultor Román Corbato e a escritora Yolanda Castaño, comisariados por Paula Cabaleiro

Padrón (A Coruña), 26 de xuño de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe ao primeiro encontro do proxecto Esas nubes que pasan, a iniciativa impulsada pola Xunta para poñer en valor o legado de Camilo José Cela. Trátase dun proxecto artístico que finalizará coa execución dun mural ao carón do museo de Iria Flavia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o obxectivo desta iniciativa como “unha proposta plural na que se teñen en conta diversas facetas da cultura para divulgar o legado dun dos autores máis importantes da literatura de Galicia”. Neste senso, destacou a singularidade deste proxecto “que busca a unión das diferentes perspectivas dos artistas que participan para a elaboración do mural”.

 

Para levar a cabo esta primeira fase da intervención artística foron elixidos diferentes axentes da cultura galega que percorreron o museo e as coleccións, para inspirarse na obra de Camilo José Cela. Comisariados pola xestora cultural, Paula Cabaleiro, fixeron esta visita, a empresa cooperativa dedicada ao muralismo Cestola na Cachola, o artista visual e escultor Román Corbato e a gañadora do Premio Nacional de Poesía en 2023 Yolanda Castaño, para elaborar, entre todos, unha sinerxía entre as diferentes facetas da cultura nas que cada persoa é experta.

 

A execución da actuación artística está prevista para a segunda quincena do mes de setembro. Ao remate do proxecto está previsto un acto de presentación ao público e unha xornada de encontro cos centros escolares locais, onde os artistas contarán á rapazada de Padrón como foi o proceso de creación, as técnicas utilizadas e a simboloxía da obra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024