A delegada da Xunta en Vigo destaca a mellora da seguridade na estrada PO-330, entre Pereiró e Valadares, cun investimento de 1,8 millóns

Ana Ortiz fixo unha visita aos traballos que rematarán este venres no barrio vigués tras realizar diferentes actuacións en sete quilómetros

Vigo, 26 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, supervisou este mércores o avance das obras de mellora da PO-330 (Vigo-Vincios), que rematarán este venres no cruce situado á altura de Pereiró. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste un total de 1,8 millóns na humanización e mellora da seguridade da estrada entre Pereiró e Valadares, que implica nove actuacións en sete quilómetros.

 

A representante autonómica destacou que xa están a punto de rematar as obras na contorna de Pereiró, urbanizando un treito de 450 metros, entre a rotonda que está fronte ao cemiterio e serve de enlace do vieiro da universidade. “O obxectivo é a convivencia harmónica entre condutores e peóns nunhas zonas moi urbanas, atendendo ás demandas de veciños e comerciantes da contorna”, sinalou Ortiz durante a visita.

 

A actuación da Xunta engloba outras accións como a sinalización horizontal ou elementos físicos para reforzar a seguridade noutras interseccións (en As Carneiras, Carregal e O Portal) e as melloras de accesibilidade ou a reparación de beirarrúas onde sexa necesario.

 

O pasado mes de setembro xa finalizou a construcción da nova rotonda de 28 metros de diámetro en Valadares que permite unha mellora do acceso aos distintos equipamentos (piscina, pavillón, AAVV) e un cambio de sentido no vial.

 

Ademais, tamén esta acabado un novo ramal de acceso á Escola de Educación Infantil Monte Alba, desde a nova glorieta. Así mesmo, executáronse muros de contención e novas beirarrúas na contorna, completando, e dando continuidade así, á beirarrúa existente na marxe esquerda, cun ancho mínimo de dous metros.

 

Da mesma maneira, fresouse o asfalto actual e repúxose cunha nova capa de rodadura, ademais de actualizar tanto a sinalización vertical como horizontal para adaptala á nova ordenación da intersección. Tamén se instalaron novos puntos de luz para mellorar a iluminación do ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024