A conselleira María José Gómez visitou en Rodeiro a cooperativa O Rodo, referente na comarca do Deza e que foi beneficiaria destas subvencións

Medio Rural favorece a adquisición de maquinaria en común con máis de 4 millóns de euros

A titular da Consellería explicou que os principais obxectivos destas achegas son promover o uso da maquinaria en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego, así como mellorar en seguridade e aforro enerxético

Puxo en valor a traxectoria de case 40 anos desta cooperativa e a súa decidida aposta pola xestión eficiente dos recursos e pola innovación

Rodeiro (Pontevedra), 26 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou hoxe que o prazo de solicitude das axudas da Xunta para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en común estará aberto ata o vindeiro día 19 de xullo. Foi durante unha visita á cooperativa O Rodo, en Rodeiro (Pontevedra), que foi beneficiaria destas subvencións noutras convocatorias e na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como polo director territorial da Consellería na provincia, Antonio Crespo.

 

A titular de Medio Rural explicou que a convocatoria destas achegas publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia, concretamente o pasado día 19 deste mes de xuño, e que están dotadas con máis de 4 millóns de euros. Os seus obxectivos fundamentais son promover o uso da maquinaria en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego. Tamén se persegue con elas racionalizar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora de calidade de vida no medio rural.

 

Estas subvencións van dirixidas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso común, sempre que supoñan unha redución de custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén se consideran financiables os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación. Ademais, estas axudas compleméntanse, tal e como destacou a conselleira, coas destinadas ás instalacións e equipamentos en común, tamén dirixidas a cooperativas como esta de O Rodo.

 

Cooperativa O Rodo

Nesta visita, a conselleira puxo en valor a traxectoria de case 40 anos da cooperativa O Rodo, referente na comarca de Deza, así como a súa decidida aposta pola xestión eficiente dos recursos e pola innovación. Así, quixo recoñecer o labor dos gandeiros asociados na prestación de servizos de todo tipo, como o de tenda agraria, de substitución nas explotacións, de calidade do leite, de reprodución e, máis especificamente, de dotación de maquinaria.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024