Belén do Campo anuncia a licitación das obras dunha nova cuberta exterior, dun almacén e gradas no CEIP Ortigueira que contarán cun investimento de máis de 432.000€

A delegada da Xunta destacou que estas actuacións mellorarán o día a día da comunidade educativa, cun centro con novos espazos e servizos e máis accesible

A representante do Goberno galego subliñou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros adaptándoos as novas necesidades educativas

Vedra (A Coruña), 25 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitaron o CEIP Ortigueira de Vedra para anunciar a licitación das obras dunha nova cuberta exterior,  dun almacén e gradas neste edificio que contarán cun investimento de máis de 432.000 euros.  Unha vez se adxudique a actuación ten un prazo de execución de seis meses. A delegada da Xunta destacou que estas actuacións mellorarán o día a día da comunidade educativa, cun centro con novos espazos e servizos e máis accesible.

A obra no CEIP de Ortigueira consistirá na construción dunha nova cuberta exterior na fachada oeste do edificio de Primaria, creando unha terraza practicable desde o comedor que tamén conectará co patio orientado a sur. Este espazo dará a oportunidade de realizar múltiples actividades.

Con esta intervención dase resposta ás demandas da comunidade educativa: amplíanse as opcións de patio e espazo exterior, nacendo patios cubertos de gran superficie e activando espazos en desuso ou inaccesibles; mellóranse as instalacións do ximnasio, con novos aseos, gañando luz natural e conexión cun exterior agora renaturalizado con máis vexetación; ofrécese un espazo de reunión colectivo, para toda a comunidade educativa, flexible para acoller diferentes tipos de actos; amplíase a superficie para comedor mediante unha terraza ao oeste de 95m2, dando oportunidade para realizar actividades escolares no exterior; e mellórase a accesibilidade do centro, tanto para o patio como para a conexión entre plantas.

A nova cubrición permitirá tamén crear un patio en continuidade co ximnasio, que estará iluminado con luz natural a través de lucernarios e contará con bancadas, xardineiras e unha pérgola vexetal. Ademais, mellorarase a accesibilidade mediante camiños de terra compactada.

No que atinxe ao ximnasio, dotarase de novos aseos, un deles adaptado, e almacén. Así mesmo, demolerase o peche actual, substituíndoo por carpinterías practicables e transparentes que melloren a entrada da luz natural e permitan abrir o espazo ao patio cuberto. A actuación suporá a reforma dunha superficie de 397m² e a construción doutros 220m² de espazo útil. Resólvese a contención de terras mediante a creación de bancadas de formigón, o que posibilitará a celebración de actos para todos os usuarios do centro.

A representante do Goberno galego subliñou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros dando resposta ás necesidades do século XXI.

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares do conxunto dos centros educativos de Galicia, con máis de 1.600 edificios, sexan cada vez máis modernos, accesibles e confortables”, recalcou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024