O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, xunto ao director de Turismo de Galicia, participa en Pamplona na reunión deste órgano de promoción do Camiño de Santiago

A Xunta celebra a decisión do Consejo Jacobeo de que os beneficios fiscais para as empresas que apoien o Xacobeo 2027 se amplíen a tres anos

A proposta foi impulsada polo Goberno galego e defendida hoxe por López Campos, quen aplaude o recoñecemento ao papel de “embaixadores” dos valores e cultura xacobeas que realizan os patrocinadores

O órgano de cooperación tamén aproba a declaración do Ano Santo 2027 como acontecemento excepcional de interese público, iniciativa tamén de Galicia

O Consejo Jacobeo está formado polo Executivo central e as comunidades de Navarra, Aragón, Euskadi, A Rioxa, Castela e León, Cantabria, Asturias e Galicia

Pamplona (Navarra), 26 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia celebra a decisión tomada hoxe no Pleno do Consejo Jacobeo —o órgano de cooperación para promoción do Camiño de Santiago— de ratificar que o Ministerio de Cultura incorpore nos Presupuestos Generales del Estado 2025 que os beneficios fiscais para as empresas e entidades que apoien o Xacobeo 27 se amplíen a tres anos completos, como así se tiña aprobado con anterioridade na Comisión executiva desta entidade tras a solicitude feita pola Goberno galego.

Na reunión celebrada en Pamplona, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e da directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, foi o encargado de defender nesta reunión a proposta da Xunta para que o período de beneficios fiscais estea comprendido entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2027, fronte á previsión inicial do Goberno central que establecía os prazos desde outubro de 2025 a setembro de 2027.

López Campos aplaudiu que esta petición da Xunta obtivese o apoio do pleno do Consejo Jacobeo, xa que supón ampliación das excepcións fiscais das empresas que apoian o Ano Santo 2027 “con achegas para mellorar os proxectos vencellados co Xacobeo”. Neste senso, defendeu que con esta ampliación o que se pretende é recoñecer o labor dos patrocinadores como “embaixadores dos valores e promotores da cultura xacobea”.

Nesta mesma liña se pronunciou o director xeral de Turismo de Galicia, quen salientou a "transcendencia” desta medida para “a proxección turística” da Comunidade galega.

Cómpre lembrar que o Consejo Jacobeo está formado polo Executivo central e as comunidades de Navarra, Aragón, Euskadi, A Rioxa, Castela e León, Cantabria, Asturias e Galicia.

Acontecemento excepcional de interese público

O representante da Xunta de Galicia salientou que este incremento no prazo das excepcións fiscais é posible grazas a que neste encontro tamén se aprobou a declaración do Ano Santo Xacobeo 2027 como acontecemento excepcional de interese público, a iniciativa tamén do goberno galego.

López Campos cualificou de “transcendente e moi importante” esta declaración “para o futuro de Galicia e para do resto de España”. Neste senso, lembrou que o Camiño de Santiago é un “eixe vertebrador de todo o territorio nacional, sobre todo das comunidades autónomas do norte da península e tamén do veciño Portugal”.

O conselleiro fixo fincapé no feito de que en cinco anos se van celebrar dous Anos Santos —no 2027 e no 2032— polo que asegurou que todas as comunidades implicadas que conforman o Pleno Jacobeo están traballando para que estea “todo organizado” e ambas as dúas datas sexan “un éxito”. “Todo este traballo vai ser fundamental para conseguir chegar con éxito a estes dous escenarios que son fundamentais na promoción do Camiño e da cultura xacobea, e tamén como motor económico e turístico de primeiro nivel”, valorou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024